Callón demanda que as empresas con grandes beneficios non poidan executar un ERE

Callón demanda que as empresas con grandes beneficios non poidan executar un ERE

O cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega pola Coruña aposta por crear un marco galego de relacións laborais que favoreza a negociación colectiva e pide recuperar a indemnización de 45 días por despedimento.



O cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón, defendeu esta cuarta feira que as empresas con grandes beneficios non poidan executar un ERE, durante un encontro con delegados e delegadas sindicais na Coruña. Insistiu na necesidade de derrogar as reformas laborais de PP e PSOE porque os seus efectos aumentaron o paro, a precariedade e a emigración.

“A crise económica foi aproveitada polo PP para mudar o modelo de dereitos laborais por outro de indefensión, onde se pode traballar moitas horas e ser pobre, un modelo que a nova dereita prefire chamar flexiseguridade. Ese é o modelo que queremos derrogar”, dixo Callón, que apostou nun marco galego de relacións laborais que favoreza a negociación colectiva.

Propón crear unha renda de garantía para quen esgotou a prestación do paro.

O número 1 pola Coruña de Nós recordou que Galiza está “á cola en salarios do Estado, pese a estar a cabeza en horas de traballo”, polo que esixiu a transferencia das políticas de fomento do emprego e formación continua, así como dotar de máis medios para dotar de recursos contra o fraude na contratación.

Entre outras propostas, Callón pediu recuperar a indemnización de 45 días por despedimento nos casos de improcedente ou nulo. Tamén a creación dunha "renda de garantía para todas as persoas que están en busca activa de emprego e xa esgotaron a prestación do paro, tendo en conta que hai 32.000 fogares sen ningún ingreso”.