CANDIDATO ÁS PRIMARIAS DE IPU

Callón: “É necesario movérmonos porque Galiza esmorece como nación”

Callón: “É necesario movérmonos porque Galiza esmorece como nación”
Carlos Callón
Carlos Callón  

Se algo teñen en común Suso Díaz, Suso Seixo, Antón Lopo, Antón Losada, Narf, Valentim Fagim, Xosé Manuel Pereiro, Belén Tajes, Pilar Estévez ou Quico Cadaval é o seu apoio público á candidatura presentada por Carlos Callón ás eleccións primarias de Iniciativa pola Unión. Callón concorre a este proceso “porque Galiza esmorece como nación”.


Carlos Callón explicou esta tarde en rolda de prensa o porqué da súa decisión de concorrer ás eleccións primarias de Iniciativa pola Unión como cabeza de lista de Nós. Candidatura Galega pola provincia da Coruña ás xerais. “Decidín facelo por dúas cuestións, a fundamental, porque é necesario movérmonos, pois Galiza esmorece como nación”, sinalou, “todos os indicadores así o advirten: a nivel demográfico, económico, social, cultural...”.

Galiza esmorece como nación porque quen debería defendela como presidente do Goberno galego non quere ser presidente da nación galega e as consecuencias vémolas continuamente”, salientou. “Se Galiza vai de máis a menos... Se, como diría miña nai, se Galiza continúa a ser a última da baralla é porque as institucións que teñen o deber de defender Galiza non exercen en realidade como Goberno da nación galega”, apuntou o candidato ás primarias de IpU.

"Até onde eu sei non houbo unhas primarias no Estado español con tan nivel de participación e tan profundas. Como non vai ser ilusionante?"

A segunda das razóns polas que decidiu presentarse ás primarias de IpU ten a ver co “proceso tan aberto, democrático, participativo e transparente” que está a ter lugar para a configuración de Nós. Candidatura Galega. Neste sentido, puxo en valor a participación de 6.000 persoas, “militen en algures ou non”, na elaboración das listaxes. “Son as únicas primarias que existen na Galiza e é moi positivo que se cree unha candidatura así”, sinalou, “até onde eu sei non houbo unhas primarias no Estado español con tal nivel de participación e tan profundas”. Neste contexto, lanzou unha pregunta retórica, “entón, como non vai ser ilusionante?”.

Ademais, Callón apelou “todas as persoas que amamos Galiza” a acabar coas políticas “nefastas do Partido Popular” e coa posibilidade de que Ciudadanos “poida ser árbitro no Goberno español”. Isto, alertou, significaría “máis retrocesos sociais, culturais, económico e políticos para Galiza”. Para isto, engadiu, “cómpre traballarmos como formiguiñas de aquí ao 20 de decembro”.

Unha candidatura apoiada por medio cento de persoas de diversos ámbitos

Aínda que era necesaria a presentación de 25 avais para postularse como candidato ás primarias, Callón fixo públicos os nomes de medio cento de persoas que quixeron apoialo publicamente. Trátase de 50 nomes, que abre a súa nai, “o motor e o exemplo das razóns polas cales nos temos que mover” e mais Saleta Goi, “tan tenra como combativa”, e que abranguen diversos sectores da sociedade galega.

Abren a lista de apoios á candidatura de Callón a súa nai e Saleta Goi

Entre as persoas que apoian publicamente Callón atópanse o escritor Antón Lopo; o analista político Antón Losada; a escritora Anxos Sumai; a profesora represaliada por usar o galego Belén Tajes; o músico Fran Pérez (Narf); o escritor Nacho Taibo; a activista feminista Pilar Estévez; o dramaturgo Quico Cadaval; o escritor Ramiro Vidal Alvarinho; o economista Ramón Lôpez Suevos; o ex secretario xeral de CCOO, Suso Díaz; o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; o ex presidente da AGAL, Valentim Fagim ou o xornalista Xosé Manuel Pereiro.

Carlos Callón votará por Tereixa Novo e Tereixa Novo votará por Carlos Callón

Carlos Callón non é a única persoa que se postula como candidato pola provincia da Coruña dentro das primarias de Iniciativa pola Unión. Tereixa Novo é a outra candidata. Lonxe de verse como "rivais", entre os dous darase un intercambio de votos. O propio Callón fíxoo público onte nas redes sociais, "Eu vou votar por Tereixa Novo e Tereixa Novo vai votar por min. Somos dúas caras para un mesmo proxecto. Forza para a Candidatura Galega!"