ENTREVISTA A MARTIÑO NORIEGA

"A candidatura á Xunta pódea liderar unha persoa soberanista ou federalista"

"A candidatura á Xunta pódea liderar unha persoa soberanista ou federalista"
Martiño Noriega, co retrato de Ánxel Casal como fondo
Martiño Noriega, co retrato de Ánxel Casal como fondo  X.M.

Sermos entrevista a dupla páxina ao alcalde de Santiago e co-portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega. Eis un avanzo da conversa, que fai parte do número 186 do semanario, xa na rúa.


A estas alturas ningunha forza galega ten a súa candidatura á  Xunta fechada. Do ponto de vista persoal, descartaste como opción?

Esa é unha opción que eu teño totalmente fechada. Cando se me di que tamén tiña fechada a posibilidade de vir a Compostela, sempre digo que eu tiña un debate comigo mesmo porque eu fechara a etapa Teo e quería facer unha reincorporación á miña profesión. Aí déronseme razóns de peso no colectivo para cambiar unha decisión tomada no plano persoal e familiar. Mais neste caso eu teño un compromiso cunha institución que é a capital do país e que vén de catro anos nos que pasou o que pasou. Non tería ningún sentido que eu me embarcara noutra aventura institucional coa situación na que está Compostela

miniatura

Tes algún candidato ou candidata?

Supoño que todos temos, pero non fago proselitismo activo. Non minusvaloro as referencialidades persoais, mais o candidato pode emerxer do propio proceso en marcha, como aconteceu con Xulio na Coruña ou Jorge en Ferrol. E poden aparecer novos perfís. Non me apetece condicionar o debate previo.

Pensas nunha persoa nacionalista?

Penso nunha persoa que entenda o espazo da unidade popular e teña transversalidade suficiente para representar ese espazo sen distorsións. Ese rol pódeo exercer unha persoa federalista ou unha persoa soberanista.

A íntegra da entrevista tela no Sermos186, ao teu dispor nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.