LUÍS VILLARES, LÍDER DE EN MAREA

“Na aposta confederal fallou a comprensión da plurinacionalidade; aquí, entre as forzas galegas, fallou a vontade política”

“Na aposta confederal fallou a comprensión da plurinacionalidade; aquí, entre as forzas galegas, fallou a vontade política”
Luís Villares, na sede de Sermos Galiza en 2018.
Luís Villares, na sede de Sermos Galiza en 2018.  
Luís Villares Naveira (Lugo, 1978) vive os momentos políticos máis delicados da súa curta carreira política. O seu partido, En Marea, acaba de renunciar a competir nas estatais do 10-N. No Parlamento, o propio Villares cedeu o seu papel como antagonista de Feixoo. A menos dun ano das galegas de 2020, conta que no partido están preparando o discurso, que as persoas encargadas de defendelo non son importantes. Dio como aconsella a prudencia, pero sen moita convicción. O futuro está no ar moito máis do que estivo nunca para el.

Vai votar o 10-N?

Sempre defendín que votar é un acto de responsabilidade cidadá, polo tanto, votarei o 10-N.

Un deputado do seu partido dixo esta semana que apoiarían forzas que defendan unha axenda galega. Cales son esas forzas?

En Marea non vai pedir o voto para ningunha formación política. Nin Luís Villares tampouco. Intentamos buscar un acordo amplo e fomos moi xenerosos. Quero remarcar isto: fomos moi xenerosos. Se ese acordo non foi posíbel será porque cada partido prefire repetir o que fixo en abril. Nós buscabamos facer algo diferente, non como partido, senón como proxecto nacional amplo.

Non era por tanto unha recomendación para militantes e simpatizantes?

A posición está clara. Decidimos non concorrer ás estatais, e decidimos non facer ningunha recomendación de voto. Cada quen, que decida.

Mais En Marea lanzou a súa proposta para un acordo de país con outras forzas progresistas utilizando, entre outros argumentos, a necesidade de que Galiza teña voz propia en Madrid. Considera que outras candidaturas que si se presentan, como o BNG ou mesmo Galicia En Común, de obter representación, non levarían esa voz do país?

Eu creo que esas candidaturas son candidaturas de partido. As candidaturas galegas do 10-N son candidaturas de partido, non de país. Unha candidatura de país tería deixado á parte os intereses de partido para antepoñer os intereses de carácter nacional e de carácter transversal para as maiorías sociais. E iso conséguese mediante unha acumulación de forzas e con respecto á diversidade. Tecendo máis alá do partidario. E polo xeito de facerse así, iso xera unha ilusión colectiva. Mais esa ilusión non vai existir o 10-N porque ningún deses partidos fixo o esforzo de apartar as súas siglas.

Como de fechado ou aberto ao acordo viu nestas negociacións o BNG que si conseguiu que CxG integrara as súas listas?

O que podo dicir desde En Marea é que se perdeu unha oportunidade magnífica nestas eleccións estatais. Mesmo puidemos ter formulado o acordo como un experimento de baixa intensidade. Foi unha oportunidade perdida e haberá que reflexionar sobre iso.

As candidaturas galegas do 10-N son candidaturas de partido, non de país. Unha candidatura de país tería deixado á parte os intereses de partido para antepoñer os intereses de carácter nacional e de carácter transversal para as maiorías sociais.

Igual non se entendeu moi ben que En Marea comezase lanzando unha proposta de acordo con forzas do país para logo sumar a forzas estatais e, finalmente, acabase por non se presentar nin sequera en solitario?

Esa sucesión de acontecementos ten un fío perfectamente coherente. Entendemos que había que ofrecer algo diferente en clave unitaria galega cunha axenda política galega. E que iso era compatíbel con tecer alianzas en clave confederal para articular unha maioría progresista no Estado e participar da gobernabilidade do Estado. Xa tiñamos boa relación con Compromís desde as europeas. En paralelo, aquí empezamos a falar con dous, tres partidos. Eran estratexias complementarias, unha galega e outra estatal, que non competían. Cando Más País aparece no escenario, tiñamos que ver se ía competir no espazo galego.

Tiveron conversas con Más País? Que parte non asumiron eles da súa proposta?

Tivémolas, pero prefiro non entrar no detalle. Tampouco o farei respecto das conversas con outras organizacións políticas. Podo dicir que as propostas non eran compatíbeis con ese marco que definín antes.

Esa porta fechouse rápido.

A posibilidade de facer coalicións remataba o día 2, si. Decidimos que non había que seguir por esa vía. Abandonamos a exploración da coalición en clave confederal. Non houbo comprensión do fenómeno da plurinacionalidade.

Que aconteceu coa outra vía?

Dous ou tres actores sós non teñen potencia suficiente para conformar unha candidatura ampla de país. Había que incluír a todos os actores visíbeis. E non puxemos ningún límite nin liñas vermellas a ninguén. Insisto: fomos moi xenerosos. Pero ao fin non houbo vontade política por parte doutros actores de forxar esa candidatura galega.

Que actores estaban? BNG, CxG, En Marea...

E Anova. Para nós era evidente que unha candidatura de país non podía deixar fóra a Anova.

Nós non puxemos ningún atranco. Ningún. Non fomos con intención de sacar tallada partidaria. Recoñecemos a audiencia electoral de cada quen e os programas de cada quen.

Desde 2015 lévase intentando esa recomposición do espazo nacionalista. Que pasou desta volta?

Prefiro que cada quen fale dos atrancos que puxo. Nós non puxemos ningún atranco. Ningún. Non fomos con intención de sacar tallada partidaria. Recoñecemos a audiencia electoral de cada quen e os programas de cada quen. Pensabamos en ofrecerlle a xente algo diferente para votar, para que dixesen: 'pois agora, si'. Pero se na aposta en clave confederal fallou a comprensión da plurinacionalidade, aquí, entre as forzas galegas, fallou a vontade política.

O resultado é que En Marea non se presenta. Como asume iso o partido?

É un exercicio de responsabilidade. Tiñamos a idea de ofrecerlle á cidadanía algo diferente. Na Galiza era moi necesaria esa vontade política na esquerda. Lamentabelmente non a vimos. Agora, coa decisión de non nos presentar, pretendemos evitar o fraccionamento do voto progresista e que a lei D'Hont masacre todas as forzas que non fosen PP e PSOE.

Hai outras razóns internas: orzamento, necesidade de avais, cadros suficientes...?

Na repetición electoral non son precisos novos avais, a lei dispensábanos diso. En canto aos cartos, pois hai campañas que se fan con máis cartos e outras con menos. Unha das nosas propostas era levar adiante unha campaña se guiase, entre outros polos principios de austeridade e de neutralidade ambiental. Tampouco había problemas de cadros... A decisión de non presentarnos é unha decisión política, non de posibilismo técnico.

Queremos centrarnos en tres ítems: a emerxencia feminista, a xustiza social e a emerxencia climática. Sabemos que hai moitas outras cousas, pero nós queremos facer achegas a ese gran espazo nacional galego neses eixos

Ve posibilidade de recompoñer aquel espazo que chegou a ter 400.000 votos nas galegas do 2016?

Hai un ciclo político que se abriu con AGE e que rematou xa. Está fechado. Non poden compartir espazo forzas galegas soberanas con forzas de dependencia estatal en base a un proxecto de clave soberana galega dirixido ás maiorías sociais. E non poden por unha razón: os partidos de obediencia estatal demostraron que chegado o caso a súa prioridade é a obediencia estatal diante dun discurso e da construción dunha organización que servisen aos intereses do país. Foron os aparatos, non a xente de base, dos partidos estatais quen impediron iso. Esa vía está fechada e ese tempo político pasou.

E que pide o tempo de agora?

É preciso tecer espazos amplos en clave nacional, soberana e desde a diversidade. Os tempos da fusión fría pasaron. E é posíbel que cada quen achegue máis desde seu propio espazo social de traballo que a partir dunha nova fusión na que operen as regras maioría-minoría onde a metade menos un se sente asfixiada pola metade máis un. Hai que atopar fórmulas de traballo que eviten repetir erros. Nós, galegas e galegos da Marea, queremos centrarnos en tres ítems: a emerxencia feminista, a xustiza social e a emerxencia climática. Sabemos que hai moitas outras cousas, pero nós queremos facer achegas a ese gran espazo nacional galego neses eixos.

Volverá ser candidato en 2020?

Estou centrado xunto ao resto da organización en construír un proxecto político que lle resulte atractivo á cidadanía de Galiza. O importante é que haxa discurso, programa; as persoas son secundarias.