JOAM PERES, CAUSA GALIZA, IMPUTADO NA ‘OPERACIÓN JARO’

“Cando entraron nas nosas casas, non procuraban bombas, senón desarticular un proxecto político”

“Cando entraron nas nosas casas, non procuraban bombas, senón desarticular un proxecto político”
Joam Peres
Joam Peres  

Causa Galiza chega a este 25 de Xullo cunha boa nova: a Audiencia Nacional retirou a acusación de “pertenza a banda armada” contra 9 membros desta organización independentista detidos en outubro de 2015 cun gran despregamento policial e mediático. Falamos con Joam Peres, do comité executivo de Causa Galiza e unha das persoas imputadas.


A Audiencia Nacional retirou a acusación de “pertenza a banda armada” aos 9 militantes de Causa Galiza detidos en 2015 no marco da Operación Jaro. Que valoración facedes dese paso? E como fica o proceso contra estes independentistas após esta novidade?

O proceso vivido nestes catro anos é a demostración práctica do que é a Audiencia Nacional: en 2015 sacáronnos da cama de madrugada a punta de metralleta. O benemérito corpo tivo a deferencia de advertir nalgún consello de redacción do que tivemos noticia de que a cobertura informativa das detencións entrañaba perigo porque poderíamos oferecer resistencia armada. A acusación, daquela, era que Causa Galiza era o “brazo político” dunha suposta organización armada independentista. Fomos expostos e expostas a un xuízo mediático unánime e inapelábel. O delegado do Goberno español na CAG, Santiago Villanueva, parabenizábase na TVG da “desarticulación da banda” e La Voz de Galicia aínda anunciaba recentemente que eramos nada menos que a “columna vertebral” de ''Resistencia Galega''.

Con todo, a Audiencia Nacional, despois de examinar presuntamente os dados, decidía devolver o status legal ao suposto “brazo político” e, paradoxalmente, manter as imputacións “por pertenza a organización armada” ás nove persoas procesadas. De existir pola nosa parte unha actividade delitiva organizada, esta canalizaríase a través de Causa Galiza. Que a organización recuperase a condición legal invalidaba todo o proceso, mais non foi así: mantiveron a imputación de ''pertenza''. Finalmente, hai 20 días, a Audiencia Nacional desimputábanos tamén deste delito, co que todo o número montado en 2015 –a “desarticulación” da que falaba Santiago Villanueva, Fernández de Mesa, a Guardia Civil e La Voz de Galicia– demostrou ser unha absoluta farsa policial, xudicial, mediática e política. Evidentemente, todo isto responde a un cálculo político.

Neste momento, sabemos que iremos a xuízo por enaltecemento, con posibilidade de condenas menores de prisión, de 1 a 3 anos e de inhabilitacións para traballar nas administracións públicas

Agora, co proceso xa totalmente deconstruído, manteñen a acusación de “enaltecemento do terrorismo”, que tamén é falsa, e doce persoas iremos a xuízo a Madrid proximamente por este motivo: nós temos feito parte de dinámicas de solidariedade con independentistas presos, como é público e notorio, mais non se pode dicir que defendésemos no noso traballo político o emprego da violencia. O que sucede é que a tipoloxía delitiva do ''enaltecemento'' é tan elástica e interpretábel que aquí se abre unha auténtica zona de impunidade xudicial. Basta dicir que, no seu día, os actos de memoria histórica sobre a Revolución Galega de 1846 aparecían como material do sumario. Neste momento, sabemos que iremos a xuízo por enaltecemento, con posibilidade de condenas menores de prisión, de 1 a 3 anos e de inabilitacións para traballar nas administracións públicas. Nós chamamos a sociedade galega a avaliar con detención os dados obxectivos existentes, a tirar as conclusións necesarias, a responder perante o xuízo, que será en cuestión de semanas, e, sobre todo, a imaxinar cal pode ser a veracidade doutros operativos que deron continuidade ao noso, como foi a Operación Jaro II contra Ceivar, ou a chamada Operación Lusista de xuño.

Denunciades que o independentismo está sometido a periódicos procesos represivos (policiais, xudiciais, mediáticos...) para evitar o seu desenvolvemento e tentar ‘confinalo’ nunha lóxica represiva que absorba os seus esforzos...

Denunciámolo porque é unha realidade obxectiva que isto sucede con certa periodicidade. Na autodenominada “etapa democrática” e antes dela: coa UPG en 1975 antes do inicio da fraude da Transición; co PGP e Galicia Ceibe (OLN) antes do referendum estatutario; coa APU en 1991; con AMI en 2005; con Causa Galiza en 2015 unha vez se confirma a vontade de continuidade independentista despois dos acontecementos de 2012… A aposta do Estado é constrinxir o independentismo a unha dialéctica marxinal en que cubrirse dos golpes e denunciar a represión sexa a única ou praticamente a única folla de rota posíbel. Nese círculo vicioso, por encomiábel que sexa manterse en pé, nada hai que facer. Cando entraron nas nosas casas en 2015 non procuraban armas nen bombas. Procuraban desarticular un gromo de proxecto político que saben que ten potencialidade e condicións obxectivas para o seu crecemento e instaurar un estado de pánico na militancia e un cinto sanitario. Cortar a herba a rentes do chan. Coa humildade con que se deben facer este tipo de afirmacións, queremos dicir que non o conseguiron, que tivemos a capacidade para continuar e que nos mantivemos en pé a pesar das dificuldades evidentes de todo o tipo.

Non temos vocación de Pepiño Grilo de ninguén e moito menos de factor testemuñal

Está aí a cuestión dos presos e presas independentistas.

Historicamente, a represión cébase de maneira sistemática nas persoas e organizacións que puxeron sobre a mesa a carta independentista e posibilitaron co seu sacrificio persoal que hoxe exista nación política e unha perspectiva de ruptura. Iso foi así, de maneira tráxica, en 1846; en 1856, cando varios participantes no Banquete de Conxo eran condenados á deportación ás Illas Marianas; en 1936, cando a práctica totalidade dos membros do Comité da Autonomía son asasinados e se producen execucións, encarceramentos, etc. de decenas de cadros e militantes do PG e esa práctica do Estado chega até hoxe. A sombra da represión é inherente á existencia dunha vontade galega de soberanía e non depende dos chamados “métodos de loita”, como demostra sen resquicio para a dúbida o que sucede en Catalunya.

Hoxe, como ocorre desde 1975 de xeito practicamente ininterrompido, existen mulleres e homes independentistas que están presos e dispersados. Son, á marxe da consideración política que merezan a cada quen, a expresión dun problema político de soberanía. Nós reclamamos o respecto para os seus dereitos humanos, políticos e constitucionais, a súa repatriación e, tamén, a súa liberdade e emprazamos o Estado español para que abra vías democráticas á solución do problema galego através do exercicio do dereito de autodeterminación.

O lema deste ano de Causa Galiza é ‘Independentismo en marcha’, unha frase que pon en bandexa a pregunta: en marcha... cara a onde?

En marcha cara á edificación dun proxecto político e unha estratexia que aposten de maneira explícita e desacomplexada na independencia nacional e que definan, e constrúan, as condicións obxectivas e subxectivas para a mesma. Hoxe, con Causa Galiza, temos un embrión dese proxecto, mais é evidente que a este gromo hai que lle dar consistencia organizativa, política e ideolóxica, maior participación de independentistas e sobre todo dotalo dunha táctica e unha estratexia que podan abrazar milleiros de patriotas. Esta é a dirección da marcha. Non temos vocación de Pepiño Grilo de ninguén e moito menos de factor testemuñal.

Fronte á crise do réxime e do Estado españois é o momento de pór sobre a mesa perspectivas estratéxicas máis do que siglas partidarias

Causa Galiza convoca este 25 de xullo, a diferencia de anos precedentes, sen poñer antes sobre a mesa o convite a abrir un diálogo entre as diferentes forzas soberanistas para testar a posibilidade dunha manifestación unitaria. Por que?

En convocatorias anteriores, exploraramos a posibilidade dun Día da Patria que, por riba de siglas, materizalizase a converxencia de distintos sectores sobre principios e obxectivos independentistas e ruturistas, que formalmente son asumidos por todos, en vez dunha ''competencia'' velada sobre a capacidade de mobilización de diferentes organizacións políticas cun final xa coñecido. Máis un día de nación do que un día de partido. Pensábamos, e pensamos, que fronte á crise do réxime e do Estado españois é o momento de pór sobre a mesa perspectivas estratéxicas máis do que siglas partidarias. No entanto, é obvio que non existía no pasado, nin existe agora mesmo, aínda, a vontade necesaria para avanzar nesta dirección, que o nacionalismo non-independentista está convencido de ser o único proxecto político nacional viábel e que refuga esta claridade programática e práctica e, por último, que o independentismo organizado, aínda minoritario, carece da capacidade necesaria para impór axendas, ritmos e dinámicas a outros axentes. Á vista da experiencia pasada, e da liña política cotiá e ás prácticas doutros interlocutores posíbeis, decidimos renunciar á tentativa neste momento e agardar a que outras condicións fagan posíbel un Día da Patria que, por riba de proxectos partidarios, poña na rúa a nación que aposta en romper con España, xa que non existe outra concreción posíbel da soberanía nacional.

Unha manifestación para reclamar a independencia como “única saída” á situación do pobo galego. Incidides en que o autogoberno actual fai parte do problema e non da solución.

Remítome aos diagnósticos que tanto o nacionalismo popular como o independentismo fixeron no seu día en relación ao réxime autonómico: o “autogoberno” é tan só unha descentralización administrativa, carece de poder político real, é incapaz de contrarrestar as tendencias fortes –laborais, económicas, demográficas, etc.– de fondo que definen o futuro da nación e, aliás, a posibilidade dun alargamento progresivo e periódico dese “autogoberno”, que no pasado se proxectou como estratexia realista e pragmática, é unha ilusión. Esta é a grande conclusión que, da nosa óptica, se tira do proceso catalán…

O independentismo, ou se concreta en estratexia e táctica concretas, fases, obxectivos, medios, etc., ou é unha retórica abstracta de autoxustificación.

Ao tempo que esa perspectiva gradualista decai, porque a elevación do teito competencial só será factíbel como encoro de contención fronte a procesos independentistas en fase avanzada, a tendencia real é a contraria: o esvaciamento do réxime autonómico que se executa coas sentenzas dun árbitro caseiro como o TC, a invasión competencial do Estado, etc., mais tamén con decisións que ocorren fóra da esfera institucional estrita, como a venda das caixas, a deslocalización de empresas, etc. Con este panorama, ter como única folla de rota real a xestión da administración autonómica ou o despexo de Feixoo é unha limitación evidente. Non negamos a utilidade, mesmo psicosocial, de despexar o PP, mais a xestión ten uns límites que coñecen mesmo quen apostan nesta perspetiva e carecen de plano B para alén de alusións abstractas ao dereito de autodeterminación, a soberanía e, incluso, a independencia. O independentismo, ou se concreta en estratexia e táctica concretas, fases, obxectivos, medios, etc., ou é unha retórica abstracta de autoxustificación.

Como superar o actual escenario no que o proxecto explicitamente independentista non é percibido como alternativa ou opción pola sociedade galega?

Non é percibido porque aínda non o é. Temos que ser claros e claras ao respeito e evitar ensoñacións... Existe no plano teórico unha perspectiva e un proxecto estratéxico que poñen en cuestión o status quo actual da Galiza, que se confrontan dialecticamente cos do nacionalismo non-independentista, que van para alén deste, mais suxerir que Causa Galiza é “a alternativa” a día de hoxe sería irrisorio. Mudar esta situación de saída é o noso reto, mais requere esforzo e determinación militante, traballo e introdución social, unha folla de rota críbel, a renuncia ao ideoloxismo esquerdista e a comodidade do gueto autorreferencial, etc. As condicións para que un proxecto independentista ascendente ocupe hoxe o seu espazo neste país xa están dadas.

Un Día da Patria que se celebra no centenario da asemblea das Irmandades da Fala que denominou esta data como Día Nacional da Galiza, algo que salientastes na precampaña do 25X.

Os precursores marcaron un camiño: a afirmación da nación e a perspectiva da súa soberania política, que en cada etapa histórica foi adoptando unha concreción maior. Parécenos significativo que o que comezou en 1919 e desde 1968 é Día da Patria sexa unha data que na maior parte das súas celebracións neste século estivese submetida a prohibicións, clandestinidade, violencia policial, etc. que non se limitan aos períodos ditatoriais vividos, senón que alcanzan incluso o réxime actual. Causa Galiza aínda hai poucos anos mobilizábase no Día da Patria cercada por un cordón policial e por outro de independentistas que protexían a manifestación da acción policial. Agora, á vista da inutilidade desta política, porque a data está asentada, recorren á despolitización e a folclorización do día nacional. A este respecto, o discurso de todos os partidos españois sen exclusións é clarificador.

Que tedes que dicir a quen argumentan que na Galiza só é viábel un proxecto nacionalista e que ese proxecto é o que hoxe é social e electoralmente hexemónico?

A nosa existencia á marxe do BNG, con vontade de construír un proxecto e unha estratexia independentistas autónomas, é a conclusión lóxica de varias premisas. A primeira, que non percibimos na dirección do BNG a decisión estratéxica de impulsionar un proceso independentista a partir do presente: de facto, á marxe das retóricas congresuais, que deron pasos importantes, avaliamos que a praxe da dirección do BNG está rumada a xerir o marco autonómico e alcanzar unha mellora estatutaria que da nosa óptica é inviábel. A segunda, que achamos imposíbel mudar esa orientación xeral “desde dentro”, como pretenden outros e outras independentistas, porque dubidamos seriamente do realismo desa opción e rexeitamos supeditar o proxecto independentista a un contentor que non o é, converténdoo nunha ''cor'' máis do arco da vella nacionalista. Por último, existe quen repite a ladaíña de certo sabor colonial de que “o país non dá para máis” e risca de “maximalista” a reivindicación explícita da independencia nacional e a articulación dun proxecto político e unha estratexia deste tipo. Nós dicimos que, a medio e longo prazo, esa é a única saída á situación actual e que urxe remangarse para construír as ferramentas que fagan posíbel ese proceso.

Que é o ‘Processo Trevinca’?

O Processo Trevinca está intimamente ligado con todo o que expliquei máis arriba. Á espera aínda de como clausuren o noso proceso político-penal, nós evidenciamos –permítase a soberbia unha capacidade e determinación de resistencia política encomiábel–. Restauramos Causa Galiza despois dun ano de ilegalización, fixemos fronte ás consecuencias materiais e subxectivas do proceso e superamos situacións de soidade extrema. A fase que abre este 25 de xullo pode ser a saída do túnel. Con todo, estamos conscientes de que resistir é insuficiente. O independentismo non existe para enfrontar a represión e celebrar unha manifestación anual. Agora corresponde dar máis un paso adiante e ese paso é dotar de fortaleza organizativa e militante este gromo de proxecto político independentista, actualizar e cohesionar os diagnósticos sobre a realidade en que vamos actuar e definir unha estratexia xeral de avanzo independentista. O Processo Trevinca pretende resolver todas estas incógnitas coa participación directa das e dos independentistas que acreditan na necesidade dun proxecto político autónomo doutros proxectos e estratexias que apostan explícita ou implicitamente na mellora estatutaria, ou abrazan a xestión do marco autonómico como única opción sen ningún plano B.