De cansazo a madurez democrática: así reaxen os partidos á baixada na participación

De cansazo a madurez democrática: así reaxen os partidos á baixada na participación
Colexio electoral en Cerceda (SG)
Colexio electoral en Cerceda (SG)  

O descenso na participación das electoras e electores na xornada deste domingo centro boa parte das primeiras declaracións públicas realizadas desde os partidos.


Ao pouco de fechar os colexios electorais, Miguel Tellado, secretario xeral do PP na Galiza, agradecía as votantes a participación nos comicios estatais deste domingo, “grazas por vencer o cansazo electoral, o tedio de repetir eleccións, mesmo a meteoroloxía adversa dunha xornada complicada”.

Lembrou Tellado que “ninguén” pediu estas eleccións, que teñen lugar, dixo, “polo capricho e irresponsabilidade” do líder do PSOE, Pedro Sánchez.

Rubén Cela, responsábel de campaña do BNG, puña de manifesto a “evidente” baixada da participación que ás 18 horas sufría un descenso de máis de 5 puntos a respecto dos comicios de abril, case 2 puntos a respecto da media estatal. “Nunca é unha boa nova a baixada da participación”, sinalou o nacionalista.

Cela atribuíu o descenso “ao cansazo e malestar” das votantes “coas forzas políticas de ámbito estatal”, as que acusou de seren “incapaces de xestionar os resultados das anteriores eleccións e a conformación dun goberno e trasladáronlle ese problema á sociedade”.

Desde En Común-Unidas Podemos salientouse que a participación, malia descender a respecto do mes de abril, “mantense dentro do nivel que se viña mantendo na serie histórica”. Este feito é, para Podemos, IU e as súas confluencias, “signo de madureza e de que a cidadanía segue mobilizada”.