Carlos Callón apresenta a súa candidatura por A Coruña nas primarias de IpU

Carlos Callón apresenta a súa candidatura por A Coruña nas primarias de IpU
Carlos Callón
Carlos Callón  

Activista pola lingua, militante nacionalista desde a adolescencia, militante do movimento gay lésbico. Carlos Callón dá un paso adiante e apresenta a súa candidatura a ser cabeza de lista de Nós. Candidatura Galega ás eleccións xerais. "Temos que reactivarnos todas aquelas persoas que amamos Galiza. Non vale chorar o 21-D. Hai que reactivarse agora mesmo".


A decisión de Carlos Callón de concorrer ás primarias de IpU é produto dun "proceso de reflexión", afirma en declaracións a Sermos Galiza. "Unha reflexión seria e profunda. Quero achegar o meu grao de area, e reactivarme publicamente para Galiza continuar a estar no Congreso. Xa vemos o que din os inquéritos. Non vai haber maiorías absolutas e, en ausencia deles, a representación parlamentar que actúe realmente como galega pode render moito máis. O contexto é o que é. O ascenso de forzas como Ciudadanos agoira que se produza mesmo unha involución no Estado. Temos que estar alí presentes como Galiza".

Reactivar é o verbo chave no discurso de Callón. "Cómpre que todas as persoas que amamos a lingua galega, todas as persoas que amamos Galiza, nos reactivemos e cómpre que o fagamos agora. Non vale chorar o 21-D".

Callón anuncia a súa participación nas "únicas primarias abertas que se están a desenvolver na Galiza"

Explica que a súa volta á area pública -foi o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística durante o período 2002-2014- se produce tamén pola ilusión que lle produce participar nas primarias de IpU. "Nos 30 ou 35 anos que levamos de democracia, desta democracia limitada, poucas veces se produciu un proceso tan participativo como este", di. E engade: "Calquera persoa pode participar. A ninguén se lle pide o carnet de ningún partido. O único que fai falta é ter espírito de amor por Galiza".

O Callón candidato comeza, di, "un sprint de 48 horas para recoller os 25 avais" que lle pide o regulamento das primarias. "Pido o apoio a todas as persoas que consideren que podo ser un bon representante de Galiza. E pasar o que pasar [coa súa candidatura], pido, claro, o apoio de toda a xente para as listas de Nós, Candidatura Galega".

"Pido o apoio a todas as persoas que consideren que podo ser un bon representante de Galiza"

As primarias son un estímulo, enfatiza, e resalta que "son as únicas primarias abertas que se están a desenvolver na Galiza", un proceso "transparente" para "construírmos a unidade desde abaixo".

E a unidade desde arriba? "Bon, non podo falar do proceso de unidade desde arriba porque eu non estou na dirección de ningún partido político nin de ningunha asociación. Son militante de base do BNG. Sono desde a adolescencia. Milito tamén polo galego e no movimento dos dereitos dos gays e lesbianas. En todo caso, nas primarias o fundamental é a participación das persoas en pé de igualdade. O voto de todo o mundo vale o mesmo. Milites ou non milites. Leves militando toda a vida ou leves militando unhas semanas. Ora, cantos partidos políticos se sumen a isto, mellor".

Callón é profesor de galego e português no CPI Afonso VII de Caldas de Reis, é autor de 6 libros basicamente de sociolingüística e investigación literaria e, con carácter recente, se estreou na literatura, co poemario Atravesar o fantasma (Xerais, 2014).