Carlos Padín, alcalde de Tui ao triunfar a moción de censura da dereita

Carlos Padín, alcalde de Tui ao triunfar a moción de censura da dereita
@AntonioLombaBaz
@AntonioLombaBaz  @AntonioLombaBaz

Pleno tenso, con apupos e reproches. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dixo que estudarían levar ao xulgado o que definiu como unha “compra-venda” do goberno local.


Tui pasa a engrosar a lista formada por Boimorto, Noia, Oia, Santa Comba ou Pontecesures, concellos que na actual lexislatura municipal viron como se desbancaba o alcalde por outro a través de mocións de censura. Lista que podería alargarse máis en breve con Fene.

Tui ten, pois, novo alcalde, Carlos Vázquez Padín, de Converxencia XXI (2 concelleiros dos 17 da corporación). Desbanca Enrique Cabaleiro (PSOE) grazas ao pacto acadado polas forzas de centro dereita e dereita de Tui. Os votos de PP (4), Ciudadanos Tudense (2) e Alternativa Popular de Tui (1) súmanse aos 2 do partido de Padín.

Foi un pleno tenso, con apupos e reproches cara a Carlos Padín, que sinala que Tui pasar ter “o primeiro alcalde liberal e galeguista da historia”. Xustificou a moción de censura pola falta de diálogo e de goberno da coligazón PSOE, BNG, Son de Tui e Alternativa Tudense. Recoñeceu que o pacto coas outras formacións inclúe “compromisos de investimento”, o que debería “agradar”.

Aos xulgados

A presidenta da Deputación xa anunciou que a entidade ía estudiar “seriamente” levar aos xulgados o que considera que é unha “compra-venda” do goberno local de Tui, produto da “moción de censura vergoñenta e carroñeira”.

Silva insiste na existencia dun pacto “escrito e asinado” polos promotores da moción e o delegado territorial da Xunta, Cores Tourís, no que se ofrecen investimentos dos gobernos español e galego para Tui, vencelladas a ese acordo para botar fóra do poder o PSOE.

“Como cualificar isto? É un gravísimo delito democrático”, dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra, que fala de “compra-venda do goberno local.

Mobilizacións

O Colectivo contra a moción de censura reuniu esta segunda feira por volta de 500 persoas nunha manifestación para rexeitar a moción. Mobilización que se suma ás máis de 2.000 sinaturas recollidas.



x