EN ALUSIÓN A BEIRAS

Carmen Santos afea a membros da Marea que non se centren en denunciar a corrupción

Carmen Santos afea a membros da Marea que non se centren en denunciar a corrupción
Carmen Santos
Carmen Santos  Foto: Podemos

A deputada de Unidos Podemos-En Marea e secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, considera “un exercicio de irresponsabilidade” que membros do partido instrumental -en alusión a Beiras- realicen “comunicacións” que se afasten do que lle preocupa á xente, que na súa opinión é a corrupción.


Preguntada por medios de comunicación acerca das declaracións de Xosé Manuel Beiras nas que acusou Yolanda Díaz de “traizoalo”, Carmen Santos sinalou que existen persoas no seo de En Marea que “fan comunicacións ou outro tipo de postulados” que, malia seren “lexítimos”, están “afastándose do que preocupa á xente aquí fóra”. “É un exercicio de irresponsabilidade”.

“Para min, o responsábel é falar da vaga de corrupción que está a derramar o noso país e o estado de benestar”, salientou.

Malia as declaracións, Carmen Santos sinalou que “hai unidade” na Marea. De feito, afirmou que a coordinadora elixida no Consello das Mareas, e que provocou tensións importantes ao deixar excluídas determinadas correntes, está axudando a crear “novas dinámicas de organización e de estratexia política que son beneficiosas”.