CAROLINA BESCANSA- CANDIDATA DE MÁS PAÍS-EQUO POLA CORUÑA

"Precisamos líderes políticos máis responsábeis e non menos partidos"

"Precisamos líderes políticos máis responsábeis e non menos partidos"
Carolina Bescansa en Santiago de Compostela, outubro 2019 [Imaxe: Raquel C. Pérez]
Carolina Bescansa en Santiago de Compostela, outubro 2019 [Imaxe: Raquel C. Pérez]  

Carolina Bescansa (Santiago de Compostela, 1971) regresa á area política. Catro anos despois de acadar un escano no Congreso na lista de Podemos por Madrid volve estar en campaña, esta vez da man de Más País-Equo. Cando o líder da coalición Íñigo Errejón, compañeiro fundador do partido morado xunto con Bescansa, anunciou que concorrerían pola Coruña e Pontevedra o apelido Bescansa circulou por medios e redes sociais. E o 4 de outubro confirmouse a súa candidatura. A socióloga e politóloga chega da Coruña, contesta ás preguntas de Sermos Galiza en Compostela e marcha dirección Ourense.

 


Por que decide volver á primeira liña política após o seu afastamento?

Non tiña pensado volver, pero cando Íñigo deu o paso para constituír unha plataforma para concorrer ás eleccións alegreime moito. O 28 de abril a xente construíu nas urnas unha maioría de cambio e progreso no país. Ese mandato puxo fin a unha longuísima etapa de gobernos do PP, interrompida por unha moción de censura que non logrou construír un Goberno o suficientemente forte como para aprobar uns presupostos xerais. As persoas que tiñan que levar a cabo a negociación actuaron como quen senta nunha mesa de póker e non na mesa que tiña que decidir o futuro de España. Pareceume unha irresponsabilidade, unha falta de compromiso cos dereitos da maioría. Estaba disposta a participar dunha plataforma que nace para garantir que imos constituír un Goberno de progreso e evitar un Goberno reaccionario, paréceme imprescindíbel para o Estado.

Que propón ás galegas que non ofrezan xa outros partidos de esquerda da Galiza?

O primeiro, responsabilidade. Para avanzar na transformación do modelo produtivo, na transición ecolóxica ou en políticas que loiten contra a violencia machista o primeiro que fai falta é formar un Goberno. O que digo á poboación galega que vota o 10 de novembro é que cando escolla a papeleta de Más País estará escollendo construír un Goberno de progreso. Non é unha papeleta que poña os intereses das siglas por enriba dos intereses da xente. Tampouco que se vaia empregar para vetar ou bloquear o mandato popular como un mecanismo para evitar que outros fagan outras cousas, senón como un mecanismo para construír. E, persoalmente, penso que podo achegar unha voz forte para Galiza, que a precisa e moito, no conxunto de España.

Penso que podo achegar unha voz forte para Galiza no conxunto de España

En que se diferenciaría esta candidatura de Unidas Podemos?

Insisto, garantizamos que imos facilitar a formación dun Goberno. Iso é imprescindíbel para Galiza e para España. Non imos trazar liñas vermellas antes de comezar a negociación. E penso que os voceiros do PSdeG, de Unidas Podemos e os doutras candidaturas teñen que explicar se van repetir o mesmo e se van poñer condicións para formar o Goberno. Se nos conducen cara a unhas terceiras eleccións teñen a obriga moral e política de dicilo agora.

En Marea anunciou no seu momento contactos con Más País como posíbel aliado nos comicios. Pecharon acordos con forzas noutros territorios, por que non neste caso?

Mantemos unha magnífica relación co voceiro e coas persoas de En Marea e do resto das forzas do cambio na Galiza. Cando decidimos presentar a candidatura tratamos de non cometer os mesmos erros do pasado. Entón antepuxemos as fórmulas xurídicas dos acordos aos debates políticos e iso non deu bo resultado. Iso tivo consecuencias negativas entre persoas que compartimos moito na nosa visión de país. Os tempos eran moi limitados e, desde o meu punto de vista, tería sido un erro construír unha fórmula xurídica ríxida antes de manter os debates políticos. A simpatía coa que foi recibida esta proposta de espazo rupturista e de cambio na Galiza ten que ver, ao meu parecer, con ter sido máis conservadores coas fórmulas xurídicas para permitir que os debates políticos presidan a formación deste espazo nos vindeiros meses. En política, do mesmo xeito que un máis un non son dous, ás veces é mellor deixar espazo para ter os debates con moita xente ao mesmo tempo que facer fórmulas xurídicas que condicionan o desenvolvemento posterior.

Por que non dar a oportunidade á poboación de Lugo e Ourense de escoller a súa papeleta?

Nas circunscricións pequenas, por un efecto mecánico do sistema electoral, as posibilidades de obter un escano en Lugo ou Ourense eran moi cativas, pero si podiamos incidir fragmentando o voto, xerando un efecto negativo en partidos aliados co eixo do progreso. Imos concorrer nas provincias onde temos posibilidades reais de obter escanos e nas que a nosa presenza non exerza un efecto negativo sobre outras forzas do cambio.

Cal é a súa proposta en política territorial?

A proposta de Más País en termos de estrutura do Estado é camiñar cara ao horizonte da república federal.

A proposta de Más País e camiñar cara ao horizonte da república federal

Estabelecen o feche das centrais térmicas en 2025. Visitou as Pontes, cuxo cadro de persoal leva semanas reivindicando unha transición “xusta”. Cal é a súa proposta para os traballadores e traballadoras?

Endesa quere facernos crer que o debate é sobre enerxías baseadas en hidrocarburos ou enerxías limpas, cando en realidade é un debate sobre a estratexia empresarial de Endesa. O que propoñen os propios traballadores das Pontes é unha reutilización da central térmica, cun período de transición que permita empregar lodos como fonte de enerxía. Isto é tamén un paso na economía circular, empregando residuos da agricultura ou urbanos. Endesa non está interesada en facer unha reutilización da central, quere apostar nutro modelo de negocio. Queremos que se garantice que se levarán a cabo os procesos de experimentación e que, se esta é posíbel, que apostemos na conservación da central.

Na Galiza hai colectivos que teñen posto a voz de alerta sobre os poucos beneficios que obteñen as comunidades locais das fontes renovábeis, como os eólicos.

A transición ecolóxica e enerxética supoñen un cambio na concepción da enerxía, deben implicar un acceso á recollida de enerxía nas vivendas familiares e tamén a fabricación dos compoñentes no país. Hai traballadores abondo para acometer esa transición, pero non temos vontade política debido ás presións das grandes corporacións enerxéticas.

O feminismo puxo enriba da mesa a problemática da conciliación, a xornada de 32 horas e catro días que propoñen pode realmente contribuír a facilitala?

Con seguridade non. É unha medida parcial, pero non é suficiente. As xornadas de oito horas, sobre todo tendo en conta a distribución horaria anómala que hai en España, non permiten á conciliación. Esa cuestión ten que ter unha abordaxe múltiple, porque tamén ten que ver cos permisos de maternidade e coa adaptación do mundo do traballo ás maternidades. Pero a redución da xornada funciona tamén como mecanismo de redistribución da renda global. Propoñemos unha intervención que ten que ver coa nosa visión da renda mínima e as garantías de renda por parte do Estado. Procuramos que a renda dispoñíbel mínima da xente sexa o suficientemente forte como para tirar da demanda interna e xerar riqueza.

As xornadas de oito horas non permiten a conciliación

As políticas estatais en materia de vivenda  non conseguiron frear o prezo do aluguer en alza que sofren cidades como A Coruña ou Compostela.

Más País ten dúas liñas de traballo en temas de vivenda: por unha banda o regulamento de prezos e por outra o incremento da vivenda en aluguer. Ademais dunha terceira pata que ten que ver co regulamento das vivendas baleiras, España está á cabeza de Europa en canto a vivendas non ocupadas.

Coa fragmentación do Congreso que vaticinan as sondaxes cre que se acadarán nesta lexislatura pactos de Estado en materias como a sanidade, a educación ou o traballo?

Non é a fragmentación o que impide o acordo, é a irresponsabilidade. Non é un problema cuantitativo, senón cualitativo. Precisamos líderes políticos máis responsábeis e non menos partidos. O problema da irresponsabilidade dos liderazgos das grandes forzas españolas tense expresado de xeito dramático na formación do Goberno, na crise política catalá e vaise seguir expresando na desaceleración económica procedente de Europa. O sistema de partidos non volverá ser como o do réxime do 78 e nosa intención e mudar cualitativamente, non só cuantitativamente, o novo sistema de partidos do réxime por vir.