ENCONTRO ESTA TARDE CON FEIXOO EN VIGO

Casado abre a precampaña en Lugo poñendo presión sobre Cs

Casado abre a precampaña en Lugo poñendo presión sobre Cs

Pablo Casado viuse na mañá desta quinta feira cun nutrido grupo de afiliados na sede do PP en Lugo, un acto no que estiveron presentes a presidenta provincial do partido, Elena Candiá, e o candidato á alcaldía, Ramón Carballo. É o limiar do grande evento programado para esta tarde en Vigo, un encontro con Feixoo convocado baixo o lema xenérico de La Unidad de España nun escenario, a sede do Celta, cuxa elección que ten levantado non pouca polémica.


Primeiros trazos da precampaña do PP: ataque por igual ao PSOE e a Ciudadanos. Recado a Sánchez: "Non vale sobreaactuar e dicir que agora os independentistas son maos", afirmou. E alusión indirecta, sen a citar, á formación de Rivera, ao se perguntar se o partido laranxa "está disposto a revalidar o pacto do abrazo", en relación ao acordo alcanzado no seu día por Cs co PSOE para a falida sesión de investidura do líder socialista despois das eleccións de decembro de 2015.

A estratexia do PP é evidente: empurrar Cs cara ao campo do PSOE para atraer canda si todo o voto refractario ao partido liderado por Pedro Sánchez, ao tempo que, ao asumir parte do seu programa, tenta empequenecer o espazo electoral de Vox.

E, claro, Casado invocou o espectro do independentismo, un clásico dos seus discursos, ao perguntar a Sánchez se está disposto a "comprometerse a que nunca vai pactar cos independentistas", unha cuestión que, dixo, tamén estaría ben que fose respondida polos "baróns" do partido socialista.

O líder do PP ten opinión propia sobre cando sería mellor que se convocasen as eleccións anticipadas. Aposta no 26M, isto é, nun superdomingo que agrupe as eleccións europeas, as municipais e as xerais.



x