PETICIÓN DO BNG AO PRESIDENTE DA XUNTA

Case 1.500 asinaturas en menos de 48 horas nunha campaña na rede a prol dunha AP9 galega e libre de peaxes

Case 1.500 asinaturas en menos de 48 horas nunha campaña na rede a prol dunha AP9 galega e libre de peaxes
Un momento da campaña do BNG contra as portaxes
Un momento da campaña do BNG contra as portaxes  

Conseguir a transferencia da AP9 para a liberar de portaxes estase a converter no cabalo de batalla para o Bloque neste comezo de lexislatura.


A liberación das portaxes na AP9 significaría desfacerse dun lastro que pexa a modernización do país, entende o Bloque Nacionalista Galego. Hai factores tamén exclusivamente políticos para explicar por que o nacionalismo pon o acento nesta cuestión neste momento: o veto interposto polo Estado -e refrendado pola Mesa do Congreso- a unha iniciativa do Parlamento da Galiza para a transferencia desta infraestrutura. Non é que non se aceite o contido da proposición de lei, unha proposta en orixe do BNG, senón que o Estado se nega mesmo a tramitala, o que supón claramente -enfatizan desde a formación soberanista galega- unha agresión á capacidade lexislativa do Pazo do Hórreo.

Todo isto ten levado o BNG a rexistar en Change.Org unha petición dirixida ao presidente da Xunta para que o titular do Executivo galego asuma como obxectivo a consecución dunha AP9 galega e libre de peaxes. En apenas 48 horas, a petición -que se pode asinar aquí- leva rexistadas xa 1.453 asinaturas.

Nos últimos días a polémica arredor da negativa do Estado á transferencia da AP9 aumentou de intensidade ao se coñecer que o Ministerio de Fomento si vai resgatar as ruinosas radiais madrileñas pondo do erario público por volta de 5.500 millóns de euros.

O resgate da AP9 podería sufragarse cunha cantidade sensibelmente inferior, por volta de 4.300.

Segundo as estimacións do BNG, e desde a súa apertura, a AP-9 leva recadado en peaxes máis de 2.200 millóns de euros, o que lle permitiu obter máis de 750 millóns de beneficio.



x