100% ESCRUTADO

Resultados na Galiza: PSOE 10 escanos, PP 9, En Común-Unidas Podemos 2 e Ciudadanos 2

Resultados na Galiza: PSOE 10 escanos, PP 9, En Común-Unidas Podemos 2 e Ciudadanos 2
Colexio electoral na Coruña
Colexio electoral na Coruña  

O Partido Popular cae en 13 puntos desde as xerais de 2016: pasou de ter 41,5% dos votos a obter este domingo 27,4%. PSOE e Unidas-Podemos suman 12 deputados e deputadas fronte aos 11 de PP e Ciudadanos.

 


Xa está todo o peixe vendido: escrutado 100% dos votos emitidos en Galiza este domingo electoral confírmase a imaxe que empezara a percebirse cando o escrutinio chegou 26%: PSOE 10 escanos, PP 9, Unidas-Podemos 2 e Ciudadanos 2. Os socialistas obteñen 32% dos votos por 27% dos populares. Unidas-Podemos atinxe 14% dos sufraxios e Ciudadanos 10%. A quinta forza máis votada é o BNG, con 5,77% (en 2016 non chegara 3%), seguida de Vox, con 5,2%. En Marea logra 1% dos votos. Nas sete principais cidades galegas o gañador é o PSOE. O PP é a forza máis votada en 195 concellos e o PSOE en 118. 

Por circunscricións, A Coruña foi a forza máis votada na Coruña e Pontevedra, en ambos os dous casos atinxindo por volta de 32% dos votos e logrando 3 escanos por cada unha. O PP impúxose en Lugo e Ourense, con 33% e 35% dos apoios nas urnas e atinxindo 2 representantes en cada circunscrición. En Común-Unidas Podemos é terceira forza na Coruña, Pontevedra e Lugo, mais en Ourense ese posto é para Ciudadanos, que non logra representación nesa circunscrición mais si en Pontevedra e na Coruña. As mesmas provincias nas que atinxe escanos Unidas Podemos.

No que respecta ao Senado, dos 16 senadores e senadoras que se elixen por Galiza, o PP atinxiu 8 e PSOE 8, con 99% escrutado. Nas anteriores xerais, 2016, PP lograra 12, PSOE 3 e En Marea, 1.

Estado español

No Estado español o PSOE é claro gañador das eleccións ao pasar de 85 a 123 deputados e deputadas mentres que o PP sofre unha derrota histórica, perdendo 4 millóns de votos e caendo até os 66 escanos. Ciudadanos pasa ser terceira forza (57 asentos, 19 máis que nas Xerais de 2016) e Albert Rivera xa se postulou na noite electoral como líder da oposición.

Baixa o espazo que representa Unidas-Podemos, que logra 42 representantes. Porén, o seu peso político é maior ante a posibilidade dunha coalición de goberno cos socialistas. Entra Vox e faino con 24 cadeiras no Congreso. Unha cifra importante mais que fica por baixo do que apontaban enquisas e as propias espectativas do partido de ultradereita.

ERC logrou 15 escanos e gañou na capital, Barcelona. Junts per Catalunya obtivo 7 representantes. Por primeira vez o independentismo gaña nunhas eleccións xerais en Catalunya. O PNV atinxe 6 escanos (1 máis que en 2016) e EH Bildu representa a súa representación ao ter 4 deputadas e deputados.