Case 17% dos 2,7 millóns de galegos e galegas con dereito a voto residen no exterior

Case 17% dos 2,7 millóns de galegos e galegas con dereito a voto residen no exterior

Son 3.306 persoas menos que nos anteriores comicios xerais, que decorreron en 2016. O 28 de abril votarán por primeira vez 58.000 mozos e mozas. Poderán facelo nalgunha das case 4.000 mesas de votación que estarán dispoñíbeis en Galiza. 


Case dous de cada dez galegos con dereito a votar nas eleccións xerais do 28A residen no estranxeiro. Son 457.909 dun total de 2.698.525 persoas, o que supón 17% do total. Nesta cita coas urnas perdemos 3.306 votantes a respecto das Xerais de 2016. Unha perda de poboación que ten un exemplo claro no número de escanos que se elixen polas circunscricións galegas: 23. Nas primeiras eleccións ás cortes españolas após a morte de Franco elixíanse 27, catro máis.

O 28 de abril votarán por primeira vez 58.093 mozos e mozas, que nas anteriores eleccións non fixeran os 18 anos de idade.

Perto de 7.000 axentes encargaranse de vixiar o proceso electoral nunha xornada na que haberá en Galiza 3.956 mesas electorais que se distribuirán en 2.416 locais de votación. Neles instalaranse perto de 4.000 cabinas de votación e por volta de 8.000 urnas.

Pretendentes

Non lle faltan pretendentes aos 23 escanos galegos para o Congreso español nas vindeiras eleccións do 28 de abril. Son catro escanos menos que nas primeiras eleccións ás cortes españolas após a morte de Franco, un exemplo da perda de peso poboacional do noso país. Un total de 52 listas de 16 organizacións e coalicións políticas aspiran a se facer con algunha desas cadeiras por Galiza para a Cámara baixa española. Son as que lograron representación no noso país nas últimas eleccións xerais así como aquelas que se inscribiron após presentar as sinaturas de 0,1% do electorado de cada circunscrición onde queira concorrer.

En total, son 12 as candidaturas que concorren nas catro circunscricións galegas: PP, PSOE, En Marea, En Común-Unidas Podemos, BNG, Ciudadanos, Compromiso por Galicia, Vox, Pacma, Recortes Cero, Por un mundo máis xusto e Partido Comunista dos Traballadores de Galiza. Estiveron na cita de hai catro anos mais non están para este 28 de abril UPyD e Saín

Para alén desas candidaturas, hai outras que se rexistraron para competir por algunha das circunscricións galegas. É o caso de Converxencia XXI por Lugo, Escanos en Branco por Pontevedra, Partido Comunista Obrero Español pola da Coruña e Vivir Ourense pola circunscrición ourensá.