Esquerra paga o desgaste, aínda que o bloque independentista medra en Catalunya

Esquerra paga o desgaste, aínda que o bloque independentista medra en Catalunya
Quin Torra, o presidente da Generalitat, este domingo. (Europa Press)
Quin Torra, o presidente da Generalitat, este domingo. (Europa Press)  
Esquerra baixa, JxCat, albo dos principais ataques, sobe e entran as CUP con máis de 200.000 votos e dous escanos. Os bloques case non se moven, pero dentro de cada un cambia a correlación de forzas. Dous anos despois do 1-O, o independentismo segue forte na rúa e nas urnas.

En Catalunya a abstención aumentou dous puntos respecto á de abril, mais a sociedade catalá mobilizouse de novo para apoiar masivamente as formacións independentistas, partidos como ERC e JxCat que comparten un Goberno atado e líderes presos, forzas que sufriron un desgaste menor do que prevía a estratexia do Goberno central e de Miquel Iceta, o líder do PSC, que tampouco desta volta puido gañar as eleccións; ou partidos como as CUP que se presentaron por vez primeira a unhas estatais e recolleron 2 escanos, salvando da abstención a moitos descontentos do procés

 

 

A cidadanía catalá segue mobilizada na rúa e tamén nas urnas. ERC perde dúas actas e fica con 13 baixo o novo liderado de Gabriel Rufián. JxCat suma unha máis e crecen até 8 deputadas superando os ataques contra Torra. En total, as independentistas alcanzan 23 escanos por 25 dos constitucionalistas.

O bloque que encabeza Iceta e o seu PSC, con 12 escanos, é moi heteroxéneo. Os comúns de Asens e Colau mantéñense con 7 actas e un 14% dos apoios; o PP e Vox melloran a costa de Ciudadanos, partido que desaparecerá en Catalunya (e no resto do Estado) despois de abrir a porta a ultradereita. As tres dereitas suman 6 actas que simbolizan a resistencia á rebelión catalá, máis votos xuntos que En Comú, que debería empezar a pensar que a nova política pode apagarse coa mesma rapidez coa que prendeu. Ciudadanos e En Común presumían hai pouco tempo de ter gañado eleccións en Catalunya.

Os bloques non se moven, manteñen os mesmos apoios, pero as relacións de forzas no interior de cada un deles van no mesmo sentido que o mapa político no plano estatal: cara unha maior polarización. Despois do acontecido nos últimos dous anos en Catalunya, a solidez do independentismo, acosado por todos os lados, é evidente. A aparición en escena das CUP cunha sociedade civil aparecendo como actor autónomo producirá xiros no campo independentista. Do outro lado, os comúns deberán elixir campo porque fican sen campo propio.

Recuperación da dereita en Valencia e nas Balears 

No resto dos Països Cataláns as cousas son ben diferentes. O PSOE gaña no País Valencià, e soben PP e Vox, sempre a costa de Ciudadanos. As dereitas, aínda que divididas, suman por riba dos socialistas nas tres circunscricións. Podemos perde un escano e Compromís, da man con Errejón, mantén o seu. Nas Illes Balears, o PP recupera posicións e empata co PSOE a 2 escanos. Podemos perde apoios, mais conserva as dúas actas e Vox suma unha máis. É dicir, a dereita recupérase e a esquerda baixa, malia que o reparto de actas sexa equitativo.