Catalunya: o independentismo gáñao todo

Catalunya: o independentismo gáñao todo
Imaxe: ERC
Imaxe: ERC  

ERC é a forza máis votada nas municipais e vence en Barcelona e outros 342 municipios. A lista para o Europarlamento liderada por Carles Puigdemont obtén un millón de votos.


O independentismo volveu, máis unha vez, ser gañador dunhas eleccións en Catalunya. Desta volta foi vencedor por partida dobre, tanto nas municipais como nas europeas, se ben en cada unha delas gañou unha candidatura diferente. A vitoria de ERC en Barcelona, superando Ada Colau, é a imaxe que reflicte o pulso dun país onde o independentismo tinxe a gran maioría do mapa municipal catalá.

Esquerra foi a forza máis votada nas municipais, con 820.000 votos (23,5%) e por diante dun PSC ao que nas últimas semanas non poucos medios aupaban a vencedor desta contenda. Non foi así e tiveron que conformarse con ser segundos. Junts per Catalunya logrou 15,4% dos votos mais vence en número de concellos ao se impoñer as súas candidaturas en 376 municipios. Hai catro anos CiU gañara en 453.

ERC é a lista máis votada en 343 (fórao en 257 en 2015) e PSC en 96, o que supón 137 concellos menos que na anterior cita municipal.

A CUP gaña en 17 concellos, en 10 deles con maioría absoluta; e os ‘comúns’ caen dos 21 nos que se impuxeran en 2015 aos 13 deste 26 de maio. Por último, o PP venceu en 4 e Ciudadanos en ningún.

As europeas, de Puigdemont

Se ERC gañou as municipais as europeas foron cousa de Carles Puigdemont. A súa lista logrou case un millón de votos en Catalunya (28,5%), superando amplamente PSC (766.000 sufraxios e 22% dos votos) e ERC-Agora Repúblicas (733.000 e 21%).