Catro mil prazas para o exército e menos servizos públicos


Catro mil prazas para o exército e menos servizos públicos

A CIG Saúde denuncia a convocatoria de milleiros de prazas nas Forzas Armadas mentres en Galiza se destruíron en catro anos 3.000 empregos na sanidade pública. 

"Obsceno". Así tildan desde a central sindical nacionalista o anuncio feito público polo Ministerio español de Defensa no que informa da convocatoria de 4.000 prazas para o exército en 2014. Un feito que converte, segundo o propio goberno español, a Defensa como o "principal oferente de emprego" para este ano. 

CIG-Saúde lembra que na Galiza se destruíron 3.000 postos de traballo en sanidade desde 2011

Desde a CIG-Saúde denuncian que "nun contexto de crise económica como a que se vive, a poboación precisa cando menos duns servizos públicos fortes que cubran as necesidades básicas (sanidade, educación, servizos sociais...)" e non, sinalan, "convocatorias de prazas para as Forzas Armadas, servizo totalmente prescindíbel, que non achega nada ao benestar da cidadanía". 

A central sindical lembra que através do Real Decreto 30/2011 e dos sucesivos orzamentos, o Goberno estatal conxelou a cobertura de prazas de emprego público, limitándoas ao 10% de reposición no caso de servizos esenciais como é a sanidade, o que supuxo a destrución de 3.000 postos de traballo nos últimos tres anos. 

"Está claro", aseguran desde a CIG-Saúde, “que para este Goberno é máis esencial un exército e o armamento que unha sanidade pública de calidade para toda a poboación” e por iso, indican, “o Estado español vende armas a Israel coas que poidan asasinar en Gaza persoas indefensas, moitas delas nenos e nenas”.