Causa Galiza chama o independentismo a votar o BNG o 28 de abril

Causa Galiza chama o independentismo a votar o BNG o 28 de abril
Causa Galiza, Día da Patria Galega 2017
Causa Galiza, Día da Patria Galega 2017  Foto: Galiza Contrainfo

Racha así coa súa tradicional postura abstencionista nas convocatorias estatais.


Causa Galiza chama o independentismo galego a votar BNG o vindeiro 28 de abril. Embora as discrepancias ideolóxicas e de praxe que ten a respecto da organización nacionalista, Causa Galiza considera que de cara a estas eleccións votar BNG é “a opçom tática mais acertada entre as existentes”, toda vez que desbota o abstencionismo. “O bloqueio da deriva fascista a curto prazo nom se conjura com um abstencionismo auto-referencial de consumo interno”, afirman.

O independentismo que representa Causa Galiza racha así co seu tradicional posicionamento  abstencionista nas convocatorias de eleccións xerais, unha decisión que explican nun documento no que recollen dez reflexións ao respecto.

Consideran que no marco da crise do réxime do 78 levou aos poderes sistémicos a apostar nunha involución democrática “real” e que o 28 de abril é unha das etapas. A ela concorre, afirma CG, una dereita involucionista e una esquerda española continuísta. Recoñecen que Causa Galiza non é quen de “articular a sua própria proposta na frente institucional e contribuir, assim, junto a outras opçons ruturistas, para derrotar a soluçom fascista e alargar a crise de regime”.

O voto no BNG, aclaran, “nom é um assentimento à linha da atual dirigência nacionalista, ou a procura de integraçom num projeto que, à margem de retóricas ocasionais, aposta na gestom do regime”. Así, manifestan que Causa Galiza mantén a aposta na “construçom dum movimento independentista forte (…). Este é o sentido do Processo Trevinca”. Isto, porén, non é contraditorio coa chamada ao independentismo para votar BNG nestes comicios.



x