O EX MINISTRO DE CULTURA DE ZP PÁSASE A CS

César Antonio Molina ve Barcelona en mans de "nacionalistas fanáticos e anarquistas"

César Antonio Molina ve Barcelona en mans de "nacionalistas fanáticos e anarquistas"
César Antonio Molina, cunha gravata verde, na inauguración dunha libraría en Barcelona na súa época de ministro
César Antonio Molina, cunha gravata verde, na inauguración dunha libraría en Barcelona na súa época de ministro  

Ex ministro de Cultura con Zapatero, César Antonio Molina (A Coruña, 1952) está agora instalado no espazo de Ciudadanos. Segundo puido saber Sermos, participou canda Francisco Vázquez nas conversas que darían lugar ao lanzamento da candidatura do catedrático de Teoría da Literatura José María Paz Gago á alcaldía da Coruña por Ciudadanos. A súa coñecida fobia anti-nacionalista exprésaa esta quinta feira nunha apoloxía de Manuel Valls en forma de artigo de opinión nas páxinas de El Mundo.

 

 


Barcelona está nunha situación límite, á beira da apocalipse, se acreditamos na paisaxe dantesca que debuxa César Antonio Molina na súa columna desta quinta feira en El Mundo. A capital catalá estaría en mans "como noutras épocas terríbeis, de nacionalistas fanáticos e de anarquistas ao modo de antisistemas do século XXI".

Menos mal, vén argüír o escritor e avogado, que fronte a estes "extremistas" aínda ficaría "xente de ben que quer seguir contribuíndo para o desenvolvimento e grandeza da súa cidade".

Esa xente de ben ten o líder perfecto no candidato á alcaldía de Barcelona de Ciudadanos, Manuel Valls, a quen Molina apoia afervoadamente. Alén de glosar o seu currículo como político galo que chegou a primeiro ministro con Hollande como presidente da República, o ex ministro de Zapatero lamenta que a candidatura do francés nado en Barcelona non vaia recibir o apoio dos "partidos constitucionalistas". Sería esencial para tirar da Alcaldía a unha Ada Colau á quen o tamén ex deputado do PSOE ve tan nefasta que até lle apón a responsabilidade de non ser capaz de previr "os atentados terroristas" que sofreu a cidade.

Engrosa así Molina o sector de ex cadros do PSOE que se pasaron con armas e bagaxes á órbita de Cs. Nel áchase tamén Francisco Vázquez, ex alcalde da Coruña. De feito os dous teñen moito a ver coa fragua da candidatura de Paz Gago a María Pita.



x