A CRISE DA CONFLUENCIA

"A chamada á coalición non ten as portas abertas. En Marea, si"

"A chamada á coalición non ten as portas abertas. En Marea, si"
Ana Seijas, Luís Villares e Manuel Barbeitos
Ana Seijas, Luís Villares e Manuel Barbeitos  

Sen novidade na frente: En Marea irá si ou si o 28A como partido e non se coaligará con ningún grupo. Só a fórmula partido "garante grupo [parlamentar] propio", insistiu esta sexta feira en conferencia de imprensa Luís Villares, quen instou Anova, EU e Podemos a que trasladen ás súas bases, mediante referendo, a sua oposicion a concorrer ás xerais como En Marea.


"Non vai haber cúpulas por detrás que pacten postos de saída, en En Marea isto vano elixir os inscritos. Quen queira unha fórmula diferente vai ter que explicar como se van elixir os candidatos e se a xente que se partiu o lombo estes anos vai poder participar", dixo Villares aos meios.

Só a fórmula partido e o método das primarias abertas garante participación plena da militancia independente, a maioría, recalcou, entre as persoas inscritas. A fórmula coalición impide formar grupo parlamentaro en Madrid e resulta nun reparto das candidaturas entre os "VIP" dos partidos.

Contestou Villares as críticas formuladas pola líder de Esquerda Unida, Eva Solla, quen censurou que a En Marea oficial se teña tornado nun "partido clásico". "Considerámonos calquera cousa menos un partido tradicional. Aspiramos a ser o espazo de síntese e reproducimos o que son as marés municipalistas", dixo.

E argumentou tamén que Eva Solla si se pode presentar como candidata ás primarias de En Marea e, en troca, "nunhas primarias de EU ningún de nós poderiamos participar".

Villares tentou transmitir unha sensación de normalidade. Hai unha única legalidade interna, o calendario de primarias aprobado polo Consello da Marea o sábado 16 de febreiro, e ao líder da confluencia non lle consta que ningúen do espazo rupturista vaia lanzar unha marca alternativa. Nese sentido, revelou que nos últimos días mantivo contactos cos líderes de Anova, EU e Podemos e que, á luz desas conversas, se pode manter o criterio de que "a día de hoxe" a única lista en liza será a de En Marea, "que ten unhas primarias en marcha",

Villares pronunciouse nestes termos durante unha conferencia de imprensa convocada para presentar a xornada 'Financiamento Local: desafíos para os novos gobernos municipais' que, baixo a organización de En Marea, terá lugar este sábado no compostelán colexio maior Fonseca.