O CIS confirma a cómoda vantaxe do PSOE sobre PP e Cs

O CIS confirma a cómoda vantaxe do PSOE sobre PP e Cs
Sánchez, nun acto das primarias do PSOE
Sánchez, nun acto das primarias do PSOE  

O barómetro de setembro do CIS practicamente calca os resultados da sondaxe anterior: o PSOE continúa moi distanciado dos partidos da dereita. A formación liderada por Sánchez consolídase na contorna de 30 por cento do voto (aumenta 6 décimas), en tanto que o PP, con 20,8 por cento dos sufraxios, apenas rendabiliza o ascenso de Pablo Casado á lideranza do partido (só 4 décimas máis). Tamén sobe lixeiramente Podemos, con 16,1 por cento (cinco décimas de incremento). Canto a En Marea, a confluencia experimenta unha significativa mellora nas súas expectativas, ao pasar de 0,7 a 1,1. Aínda así continúa por debaixo do 1,4 das xerais de xuño de 2016.


O PSOE vive noutro planeta desde que está na Moncloa. Lidera cunha moi ampla marxe o inquérito do CIS. 10 pontos por cima do seu máis inmediato perseguidor. Tan grande é o envorcamento a respecto da situación anterior á moción de censura que derrocou Raxoi que a oposición dereitista prexulga que o cociñeiro da sondaxe, o sociólogo José Félix Tezanos, se deixa levar excesivamente pola súa condición de histórico dirixente socialista.

En todo caso, a fotografía do CIS é un PSOE con 30,5 por cento dos apoios, face un PP con 20,4 e un Ciudadanos con 19,6 (a marca de Rivera desfóndase levemente, a ceder 0,8 por cento de sufraxios). Podemos ficaría con 16,1 por cento do voto.

En Marea, por súa parte, sae da fochanca en que caera no barómetro anterior (0,7) e chouta ate 1,1 por cento, tres décimas menos, iso si, do que os seus resultados nas xerais de 2016.

Canto ás formacións soberanistas, o CIS confirma o bon momento de ERC, que gañaría con grande comodidade as eleccións en Catalunya, ao se situar con 4,1 por cento (dúas décimas máis que no barómetro de agosto). O PDeCAT tamén gañaría espazo ao pasar de 1,3 a 1,9, a mesma tendencia que rexista o electorado de EH Bildu, que aumentaría en 5 décimas (de 0,6 a 1,1). Cae, porén, o PNV, de 1,2 a 0,9 por cento.

Por vez primeira, o CIS estima o voto do ultradereitista VOX e da formación animalista PACMA, aos que outorga 1,4 e 1,6 por cento dos sufraxios, respectivamente.