O CIS relega o PP a unha inédita cuarta praza

O CIS relega o PP a unha inédita cuarta praza
Pablo Casado, con Feixoo durante as primarias do PP
Pablo Casado, con Feixoo durante as primarias do PP  

O oráculo de José Félix Tezanos continúa a lle ser moi esquivo a Pablo Casado: nin rastro do seu suposto efecto na última mostra do macroinquérito estatal, o correspondente ao mes de xaneiro. Por vez primeira desde que foi refundado por Aznar, o PP é cuarta forza nun CIS. 


O desmembramento da dereita ten un damnificado principal, o PP de Pablo Casado. A deriva dereitista da formación da gaivota non frea a súa caída. Máis ben o que acontece é que a súa escisión ultra, o Vox que lidera o ex popular Santiago Abascal, non fai máis que medrar. Neste estudo correspondente ao mes de xaneiro xa estaría en 6,5 por cento do voto total. O PP ficaría nun raquítico 14,9 por cento, 4,2 por cento menos que no xa espantoso para Génova inquérito de decembro.

O terceiro esteo da dereita, o Ciudadanos de Albert Rivera, fica clasificado na segunda praza, con 17,7 por cento, cunha lixeira perda de dúas décimas sobre o mes anterior. Avantaxa en 3,3 pontos ao conglomerado de esquerdas que lidera Unidos Podemos, no que milita En Marea. A marca de Pablo Iglesias repunta lixeiramente a respeito de decembro, embora fica aínda bastante por baixo dos rexistos de novembro (18,1 por cento dos sufraxios).

En Marea móvese máis ou menos nos números anteriores, un 1 por cento do voto do conxunto do estado, dúas décimas menos que en decembro e 4 menos que o seu resultado das xerais de xuño de 2016.

Como vén facendo sistematicamente desde se puxo ao seu fronte o sociólogo José Félix Tezanos —militante do PSOE, da ala guerrista—o CIS dá como primeira forza, e con moito, o PSOE de Pedro Sánchez. Prognostícalle un 29,9 do voto, un ponto máis que no barómetro anterior.

Mais a principal discrepancia deste estudo a respecto dos dados que están a deitar os institutos privados é que o CIS prevé unha cómoda vantaxe do bloco da esquerda sobre a dereita. E non só iso, senón que tamén suxire un posíbel goberno bipartito PSOE-Cs —hipótese sobre a que se especula nos ambientes políticos madrileños—, para o cal non darían os números nas sondaxes divulgadas polo resto de empresas demoscópicas.

Canto ao mundo soberanista, continuidade nos prognósticos de ERC (4,7 por cento do voto) e EH Bildu (1,1), leve descenso do PNV (1,3 por cento, unha décima menos) e caída máis abrupta do PDeCAT (1 por cento, catro décimas menos).



x