SIGNIFICATIVA CAÍDA DE EN MAREA

O CIS rexistra un importante avance do PSOE e o retroceso de Cs, Vox e Unidos Podemos

O CIS rexistra un importante avance do PSOE e o retroceso de Cs, Vox e Unidos Podemos
O pleno do Congreso
O pleno do Congreso  

Un PSOE claramente por encima dos 30 puntos e que supera en votos á suma de PP e Cs. Un mundo das confuencias en retroceso. Un Vox que interrumpe a súa emerxencia e descende. Eses son os principais trazos do barómetro do CIS de febreiro. Foi feito antes de Sánchez convocar as eleccións.


Todos os analistas concordan en que a) os inquéritos teñen menor valor predictivo cando aínda non están convocadas as eleccións e b) os métodos de análise que introduciu no CIS o sociólogo José Félix Tezanos, connotado dirixente do PSOE, están moi nesgados cara aos intereses demoscópicos do partido actualmente no goberno.

O barómetro de febreiro rexista un importante aumento das expectativas electorais do PSOE. Se en xaneiro obtiña 29,9 por cento da estimación de voto, desta volta chegaría a 33,3 por cento. Aínda así moi lonxe do rexistro de Alfredo Pérez Rubalcaba en 2011, cando conseguiu 110 escanos e 38 por cento. Aquel era outro mundo na esquerda estatal, o mundo previo á irrupción de Podemos.

Con todo, o PSOE lidera con comodidade a clasificación, até o punto de reunir máis voto que a suma de PP e Cs. Neste barómetro, soben os de Casado, ao totalizar 16,7 por cento dos apoios (14,9 en xaneiro), en tanto que Cs —os dous partidos da dereita funcionan en parte como vasos comunicantes descende, ao pasar de 17,7 a 15,3 por cento. Baixa máis Ciudadanos do que sobe o PP, o cal dá idea de que parte do electorado laranxa está migrando cara o PSOE.

No flanco esquerdo, as confluencias lideradas por Podemos recúan levemente: o 15,4 de xaneiro vira nun 14,5 agora en febreiro. A caída é máis abrupta no caso de En Marea, quen, a xulgar polo inquérito, paga así a factura da súa axitación interna: a sondaxe prognostícalle 0,6 por cento fronte ao anterior 1 por cento (1,4 nas eleccións de xuño de 2016).

Canto á ultradereita, o CIS frea Vox, o que contrasta poderosamente coas predicións dos institutos privados. O traballo da equipa de Tezanos outórgalle desta volta unha estimación de 5,9 por cento dos votos, 6 décimas menos que en xaneiro.

No mundo do soberanismo, as noticias non son alentadoras. Baixan todas as formacions: ERC (de 4,7 por cento a 3,3), PDeCAT (de 1 por cento a 0,7), PNV (de 1,3 a 0,9) e EH Bildu (de 1,1 a 1).

Este é o primero inquérito que publica o CIS após Sánchez ter anticipado as eleccións, mais non recolle os efectos políticos desa decisión pois o traballo de campo foi realizado entr o 1 e o 10 de febreiro, xusto 5 días antes de o presidente do goberno ter anunciado o avanzo dos comicios.

O CIS son 3.000 entrevistas no conxunto do estado (apenas 199, mostra moi pequena, na Galiza).