Ciudadanos anuncia “medidas” contra o edil de Malpica que votou un alcalde socialista

Ciudadanos anuncia “medidas” contra o edil de Malpica que votou un alcalde socialista
A Casa do Concello de Malpica. Foto: Wikipedia.
A Casa do Concello de Malpica. Foto: Wikipedia.  

En Malpica haberá alcalde do Partido Socialista, liderado por Walter Pardo. Ese foi o resultado da investidura deste 15 de xuño, en que os catro edís do PSdeG sumaron os doutros votos do BNG e un de Ciudadanos. Da outra banda, seis do PP. Agora Ciudadanos anuncia “medidas” contra o seu concelleiro na localidade, Alfredo Cañizo.


“Ciudadanos tomará medidas contra o seu concelleiro en Malpica logo de chegar a un acordo sen a autorización do comité de pactos”, afirma a organización nun comunicado redactado en español e que non menciona a Cañizo polo seu nome.

O edil adoptou unha decisión “para a que non estaba lexitimado, a que todos os acordos e decisións deste tipo teñen que estar aprobados polo Comité Autonómico de Pactos”. Segundo Ciudadanos, Alfredo Cañizo “actuou de maneira unilateral e sen o consentemento do partido”.

O novo goberno local encabezado por Walter Pardo substitúe así ao Partido Popular, cuxo candidato Eduardo Parga foi alcalde nos dous anteriores mandatos. O xa rexedor socialista afirmou que iniciará conversas co BNG e co concelleiro de Ciudadanos para intentar formar un goberno de coalición na localidade de Bergantiños.