PACTOS EN OURENSE

Ciudadanos apoiará o PP na deputación se o candidato non é Baltar

Ciudadanos apoiará o PP na deputación se o candidato non é Baltar
Manuel Baltar
Manuel Baltar  

O partido de Albert Rivera pon como condición para apoiar o PP na Deputación de Ourense que Manuel Baltar renuncie a presidir a institución provincial. Aseguran que o seu socio preferente é o Partido Popular.


Baixo o argumento da “rexeneración democrática, o cambio e apertura de xanelas” na Deputación de Ourense, Ciudadanos comunicou que apoiará o Partido Popular para gobernar a institución provincial sempre que Manuel Baltar renuncie a liderala.

O secretario de organización de Ciudadanos en Galiza e tamén concelleiro en Ourense, Laureano Bermejo, sinalou que o partido laranxa chegou “para mudar a política en Galiza, na provincia de Ourense e na cidade”, polo que afirmou apostar pola “rexeneración” tamén na deputación.

“Sempre dixemos que o noso socio preferente era o PP", asegurou Bermejo

Bermejo está á fronte do equipo de negociación dos pactos en Galiza, e esgrimiu que a decisión tomada polo seu partido de esixir a marcha de Baltar para apoiar o PP na deputación “foi alcanzada de maneira unánime na reunión do comité autonómico de pactos celebrada a quinta feira e que conta co respaldo da dirección estatal da formación”.

“Sempre dixemos que o noso socio preferente era o PP", asegurou Bermejo, matizando que “isto non significa que non se poidan alcanzar pactos puntuais con outros partidos" de non chegar a acordos coa formación de Pablo Casado.

En declaracións a Sermos Galiza Bermejo, xa anunciara que a formación laranxa non se fechaba ao acordo

Os resultados do pasado 26 de maio depararon na deputación 12 escanos para o PP, 9 para o PSdeG, 2 para Democracia Ourensá, 1 para o BNG e outro para Ciudadanos. Manuel Baltar ficou así a un escano da maioría absoluta, o que o obriga a tentar un acordo con Ciudadanos para a dereita manter o control da institución.

En declaracións a Sermos Galiza o pasado 28 de maio, Laureano Bermejo, xa anunciara que a formación laranxa non se fechaba ao acordo. Dixo estar aberto a falar con todas os partidos, o que naturalmente incluía a maioritaria na corporación provincial ourensá, o PP.

Se o PP acepta a condición de Ciudadanos perdería peso a opción de Feixoo en que apostou por permitir gobernar na cidade de Ourense ao PSdeG

Se o PP acepta a condición de Ciudadanos perdería peso a opción de Feixoo en que apostou por permitir gobernar na cidade de Ourense ao PSdeG de Rafael Villarino a cambio de que o Partido Socialista permitise a Baltar continuar a fronte da deputación.

“O pacto normal en Ourense, o que dita o sentido común, é que se temos a deputación menos un escano, que deixen gobernar o PP. E se no Concello gañou o PSdeG, pódese deixar gobernar o Partido Socialista”, afirmou o presidente da Xunta de Galiza.