CRISE EN C'S

Ciudadanos destitúe a súa xunta provincial de Ourense por discrepancias

Ciudadanos destitúe a súa xunta provincial de Ourense por discrepancias
María de la O (terceira pola esquerda) co eurodeputado Luis Garicano [Imaxe: @CsOurenseProv]
María de la O (terceira pola esquerda) co eurodeputado Luis Garicano [Imaxe: @CsOurenseProv]  

A dirección estatal de Ciudadanos tomou a decisión de destituír a xunta provincial do partido en Ourense, admitindo así a solicitude realizada pola dirección galega. Os motivos aludidos polo secretario de organización do partido na Galiza son a existencia de discrepancias coa xunta provincial, falta de confianza e deixamento das súas funcións políticas.


Unha nova crise interna estala en Ciudadanos na Galiza coa decisión da dirección estatal de destituír a xunta provincial do partido en Ourense liderada até esta terza feira 2 de xullo por María de la O Teixeiro. A solicitude partiu da dirección galega, cuxo secretario de organización é o tamén ourensán Laureano Bermejo, concelleiro na cidade das Burgas e encargado das negociacións durante o pasado mes de cara a tentar resolver o goberno da deputación.

As causas aludidas por Bemejo para solicitar a destitución da xunta provincial son a existencia de discrepancias coa xunta provincial, a falta de confianza e o deixamento das súas funcións políticas.

Fontes de Ciudadanos confirman a Sermos Galiza que as tensións viñan de había tempo

Fontes de Ciudadanos confirman a Sermos Galiza que as tensións viñan de había tempo, “de antes incluso dos procesos electorais de abril e maio”, aseguran. Por tal motivo insisten en desligar a crise interna e acusación de deixamento de funcións dos resultados electorais locais que deron tan só 9 actas de edís no conxunto dos concellos que están baixo a responsabilidade da dirección provincial do partido.  

Aseguran que as tensións non se deberon ás negociacións para acadar pactos de goberno

Tamén aseguran que as tensións non se deberon ás negociacións para acadar pactos de goberno nas corporacións municipais nin na deputación.

Nas vindeiras semanas nomearase unha xestora e tempo máis tarde unha xunta directiva nova.

“A militancia pódese pronunciar sobre o acontecido” aseguran estas fontes, aínda que non terán ningunha posibilidade de tomar decisións. A xunta directiva destituída fora designada pola dirección galega sen ningún tipo de primarias ou voto da militancia.

Crise sobre crise en Ourense

A crise súmase á vivida hai poucos meses cando o ex coordinador do partido en Ourense, Alberto Rodríguez, demitiu criticando a liña política de Bermejo debido á fichaxe do partido de José Araúxo como cabeza de lista á alcaldía da cidade das Burgas. Araúxo fora até daquelas portavoz local do PP. Nactualidade é concelleiro de C’s xunto ao secretario de organización galego, Laureano Bermejo.

A crise súmase á vivida hai poucos meses cando o ex coordinador do partido en Ourense, Alberto Rodríguez, demitiu

Araúxo é tamén membro da xunta provincial de C’s ao ser o portavoz municipal, mais non se atoparía no lote das persoas sobre as que hai desconfianza política. Estas si son a propia María de la O Teixeiro, Ignacio Martín Amaro e David Pereira.

Crise en Pontevedra

Após as eleccións municipais do 26 de maio en Pontevedra tamén rompeu o partido de Albert Rivera. O pasado 2 de xuño seis membros que concorreran na candidatura municipal de C’s en Pontevedra abandonaron o partido. Unha das baixas foi a da concelleira durante o anterior mandato, María Rey, quen perdeu a acta ao ser relegada á segunda posición na lista por unha decisión da dirección galega que situou como cabeza a Gregorio Revenga, actual único concelleiro desta formación na cidade do Lérez. As persoas que abandonaron C’s afirmaron atoparse molestas e molestos polas "formas" na elección do candidato.

Crise no Estado

A crise súmase á loita aberta no seo de Ciudadanos no Estado co sector que demanda facilitar o acceso de Pedro Sánachez á presidencia do goberno central para impedir que o PSOE chegue a acordos cos nacionalismos.

Así, o pasado 24 de xuño presentou a súa baixa Toni Roldán, portavoz económico até a data e unha das figuras de maior peso do partido. O eurodeputado Javier Nart polos mesmos motivos demitiu do seu posto na executiva de C´s. O líder do partido en Castela e León, reticente a pactar co PP, Francisco Igea, tamén está na mesma liña.