A PELEXA POLO ELECTORADO DA DEREITA

Ciudadanos non apoiará a exhumación dos restos mortais de Franco

Ciudadanos non apoiará a exhumación dos restos mortais de Franco
Albert Rivera en Vigo (Foto: Ciudadanos)
Albert Rivera en Vigo (Foto: Ciudadanos)  

O presidente da formación, Albert Rivera, xustifica a súa postura por non partillar “as formas” e afirma que lle importan “bastante pouco os ósos de Franco”


Nunha entrevista en Onda Cero, Albert Rivera, revelaba que o seu grupo non apoiará no Congreso dos Deputados a convalidación do decreto lei que elaborará o Goberno para blindar a exhumación dos restos do ditador. O presidente de Ciudadanos sostén que lle importan “bastante pouco os ósos de Franco” e incide no problema de forma, ao dubidar que a fórmula lexislativa sexa “xuridicamente xustificábel” por non ter “carácter urxente”.

"Podo avanzar que co feito de propolo por decreto lei, non imos apoiar esa convalidación porque non son as formas, nin a prioridade, nin o que nós fariamos se estivésemos a gobernar”, explicou Rivera. Segundo o político catalán, o decreto lei é un “instrumento excepcional para cuestións urxentes, e isto despois de 40 anos non se pode designar como urxente”. A falta de que inicie o período de sesións da cámara en setembro, Rivera aínda non concretou se a formación política optará por absterse ou por votar en contra. Porén, agarda poder analizar e debater o contido da proposta, que previsibelmente verá a luz após o Consello de Ministros desta sexta feira.

Un cemiterio unitario para republicanos e franquistas

Durante a entrevista, que tivo lugar na mañá desta cuarta feira, o deputado laranxa comentou que non partilla “a falta de consenso e de previsión”, en relación a que o Goberno estaría a levar adiante a medida “sen contar coa maioría do arco parlamentario”.  Nas súas declaracións, o líder de Ciudadanos instou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a sentar a falar “e facelo en serio, ten que facelo con criterios técnicos e buscando a reconciliación”.

Dentro das súas propostas destaca un cemiterio nacional onde membros dos bandos opostos compartan espazo. Ao mesmo tempo que se apunta a debater medidas para todo o conxunto do Valle los Caídos, Rivera afirma que “hai un certo intento de volver a esas batallas fraticidas de roxos e azuis, de enfrontamento e división, que son as que lle gustan ao bipartidismo”.