Ciudadanos teima contra o galego e acusa a Feixoo de discriminar o español

Ciudadanos teima contra o galego e acusa a Feixoo de discriminar o español
[Imaxe: Ciudadanos] Albert Rivera coa candidata pola Coruña, Marta Rivera de la Cruz
[Imaxe: Ciudadanos] Albert Rivera coa candidata pola Coruña, Marta Rivera de la Cruz  

Nacionalista. Así define o portavoz de Ciudadanos no Congreso a Alberto Núñez Feixoo, a quen acusa de discriminar o español fronte ao galego.


Máis unha vez Ciudadanos, afanado en marcar distancias co Partido Popular e recadar máis apoio, amosa o descoñecemento da realidade da Galiza. O seu portavoz no Congreso e candidato por Toledo, Juan Carlos Girauta, afirmou que Feixoo “discrimina o castelán como un nacionalista”.

Unha das voces máis autorizadas do partido de Albert Rivera puxo de manifesto nas súas redes sociais que o presidente da Xunta “fala como un nacionalista, discrimina o castelán como un nacionalista, ningunha Ciudadanos como un nacionalista, ten amizades perigosas como un nacionalista, e goberna como un nacionalista”.

O partido laranxa promove a eliminación do que considera “requirimento excluínte” do coñecemento das linguas das nacións sen Estado para acceder a un posto de traballo na administración pública.“Ciudadanos vai ser a garantía de que o español sexa a lingua vehicular [no ensino] e que a ningún funcionario se lle esixa unha lingua cooficial para traballar”, afirmou recentemente nun mitin a deputada no Parlament e candidata ao Congreso Inés Arrimadas.

Na mesma liña, o actor Toni Cantó, deputado de Ciudadanos no Congreso, salientara en setembro de 2018 que “é un feito que o castelán desapareceu na Galiza”. A opinión de Cantó foi fortemente contestada. A Semente chegou a retalo para atopar nas escolas infantís de Ferrol 100 nenas e nenos galegofalantes. "Se nom as atopas demitirás por mentir e donarás o teu salário ao projeto Semente. Aceitas?". Nada se soubo do convite da Semente.