BARCELONA PREPARA AS LISTAS POR GALIZA

Ciudadanos traballa na candidatura das xerais coa vista posta nas eleccións galegas

Ciudadanos traballa na candidatura das xerais coa vista posta nas eleccións galegas
[Facebook] Recollida sinaturas
[Facebook] Recollida sinaturas  

Ciudadanos presentará candidaturas nas catro circunscricións galegas ao Congreso e ao Senado. O partido liderado por Albert Ribera aposta en reforzar a estrutura galega de cara ás eleccións galegas de 2016.


O intenso eco mediático de Ciudadanos a nivel estatal contrasta coa escasa presenza do partido laranxa nos medios galegos. O partido carece de estrutura orgánica en Galiza, suplida polo delegado nomeado desde Barcelona, o boirense Javier Chouza. Malia carecer de aparato de partido no país, o delegado de Ciudadanos en Galiza confirma, en declaracións a Sermos Galiza, que rexistrarán candidaturas ao Congreso e ao Senado polas catro circunscricións electorais do país. “Estamos pendentes de que estes días nos valide o Comité Executivo de Ciudadanos os candidatos e candidatas após as eleccións primarias que se fixeron no verán”, afirma. Precisamente, a pasada fin de semana, a formación política recolleu sinaturas en vilas e cidades do país como aval para postularse nas listas.

O Comité Executivo do partido resolve as listas, con independencia do que se aprobara en primarias

Os estatutos da formación confírenlle a potestade ao Comité Executivo, máximo órgano de dirección, para resolver as listas electorais, “Barcelona pode cambiar a orde ou facer algún tipo de proposta”, confirma. O que xa ten o visto e prace da cúpula é o candidato pola Coruña, Antonio Rodríguez Vázquez. “É o único candidato que está validado polo partido porque hai máis de 150 afiliados na Coruña e isto fai que quede confirmado de maneira automática, ao contrario que nas outras tres provincias”, apunta.

En relación ás propostas programáticas sobre Galiza, o delegado de Ciudadanos afirma que “serán os candidatos, os números 1, os que leven as propostas”. Con todo, pon de manifesto que, tamén en materia de programa, o centro de decisión está en Barcelona.

"Temos a esperanza de xerar a confianza suficiente a nivel estatal para que Galiza non sexa allea aos resultados"

A falta de implantación de Ciudadanos no país non fai decaer o partido, “as expectativas son moi boas, a teor do resultado das enquisas, que tamén valoramos con prudencia”. “O importante é que estamos en ascenso e que traballaremos todo o que poidamos para intentar acadar o maior número de votos veñan de onde veñan”, afirma. “Temos a esperanza de xerar a confianza suficiente a nivel estatal para que Galiza non sexa allea aos resultados”, engade, “somos conscientes de que como en Galiza as eleccións aínda non tocaron, non temos tanta proxección en comunidades nas que xa se celebraron autonómicas”.

"O partido estase centrando en Galiza polas eleccións do ano que vén e o equipo do partido a nivel central está en contacto directo con nós"

Javier Chouza, que nos confirma a presenza de Albert Rivera en Galiza na campaña electoral de decembro, deixa entrever a aposta de Ciudadanos nas eleccións galegas de 2016, “o partido estase centrando en Galiza polas eleccións do ano que vén e o equipo do partido a nivel central está en contacto directo con nós”. A formación laranxa reforzarase a tempo para tratar de conseguir escanos no Parlamento de Galiza. Nos próximos meses, amais da figura de delegado, Ciudadanos contará en Galiza cun portavoz, previsibelmente o candidato ou candidata á Presidencia da Xunta, e un coordinador. A formación de Albert Rivera abrirá proximamente unha sede en Compostela. Polo de agora, o partido, que en Galiza, segundo fontes da organización, contaría con 650 afiliados e afiliadas, carece de local de referencia, de número de teléfono e de traballadores e traballadoras. Unha situación que mudará antes das eleccións galegas.