ELECCIÓNS XERAIS

Comeza a carreira electoral con Galiza tratando de facerse oco na campaña

Comeza a carreira electoral con Galiza tratando de facerse oco na campaña

Arranca a carreira electoral do 28A. Compostela, A Coruña e Vigo acolleron os actos de inicio de campaña dos principais partidos, cuxos discursos oscilaron entre o medo á ultradereita e á necesidade de que Galiza conte cunha axenda propia no Congreso.


Xa arrancou o primeiro día de campaña ás 00.00 horas deste venres 12 de abril, coas tradicionais coladas de carteis. As candidatas e candidatos das distintas formacións que compiten polos escanos de Galiza nas Cortes Xerais déronse cita coa súa militancia e simpatizantes para comezaren a carreira electoral do 28A.

PP: Feixoo chama a unir o voto no PP para evitar que o goberno dependa dos nacionalismos

1e9a2f2a-2dd0-4ba2-9c72-0af9c8ccc2d7Alberto Núñez Feixoo chamou desde A Coruña a unir o voto ao redor do PP para que a España lle vaia mellor, “como nos foi na Galiza”, afirmou. “Se nos dividimos”, dixo en referencia ás outras candidaturas españolistas que compiten co PP “só lle irá mellor a Pedro Sánchez, e iso non é bo nin para os galegos nin para o resto dos españois”.

"Se nos dividimos só lle irá mellor a Pedro Sánchez", sinalou Feixoo

Neste senso, o líder do PP subliñou que a forma de evitar un executivo en débeda co nacionalismo é que ningún voto quede na casa o próximo 28 de abril.

 

PSdeG: Caballero chama ao “voto útil fonte a ultradereita”

f711a4f6-57af-4ad8-84bf-f86cbe017510O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou da colada inicial de campaña na capital galega, onde fixo un chamamento a mobilizarse masivamente pois, a pesar de considerar que “o vento sopra a favor”, alertou do perigo dun pacto “da dereita coa ultradereita”

Apoiemos a Sánchez para avanzar en dereitos sociais e igualdade, pediu Caballero

No acto de inicio de campaña do PSdeG, Caballero animou a apoiar a Sánchez para avanzar en dereitos sociais e igualdade “con toda a ilusión e con toda a forza dun partido revitalizado”.

En Marea: Seixas e Villares apostan por “unha Galiza de oportunidades”

14d1a3bc-65f4-4a8f-8095-bd221502f66bEn Marea inaugurou a campaña das xerais ante o Salón Teatro, na compostelá Rúa Nova, onde estiveron a candidata número un ao Congreso pola Coruña, Ana Seixas, e o portavoz de En Marea, Luís Villares.

"O principal aval de En Marea para as eleccións xerais é a coherencia", afirmou Villares

Desde a formación aseguraron que se afanarán en sacar adiante o seu proxecto para “impulsar unha axenda propia para unha Galiza de oportunidades; e participar da conformación dunha maioría que amplíe dereitos no conxunto do Estado”. Nesa liña, Villares asegurou que "con En Marea haberá investidura para unha maioría que non deixe ninguén atrás” pero advertiu, “sen cheques en branco”.

Villares remarcou que o principal aval de En Marea para as eleccións xerais é a coherencia do proxecto.

En Común-Unidas Podemos salienta "os problemas da xente"

adf6fed8-4f7b-494a-ac84-e09e133cc95fA coalición En Común Unidas-Podemos realizou o seu acto de arranque de campaña na Porta do Sol de Vigo. Nela, a candidata Yolanda Díaz insistiu en que a posibilidade de que haxa un goberno progresista dependerá dos resultados que en Galiza obteñan.

Avanzou que a campaña xirará sobre tres retos: os problemas da xente: o paro, a precariedade, a desigualdade e a corrupción".

"Precisamos unha reforma constitucional para falar dun Estado plurinacional", afirmou Gómez-Reino

Antón Gómez-Reino, candidato pola Coruña, insistiu en que "temos un reto democrático: precisamos unha reforma constitucional para falar dun Estado plurinacional onde Galiza xogue un papel determinante".

BNG: Pontón e Rego proclaman “o compromiso do BNG na defensa de Galiza e contra a involución”

5e2bad07-a5aa-40fa-80bb-c03433f0092aA portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, inaugurou a campaña das xerais desde a Praza de Praterías de Compostela, afirmando que o BNG está en remontada e poñendo en valor “o duplo compromiso” do nacionalismo galego en “defender Galiza e frear a involución democrática”.

“Non fai falta ser nacionalista para votar ao BNG, o que fai falta é levar a Galiza na cabeza e no corazón", afirmou Pontón

Ana Pontón e Néstor Rego, número un ao Congreso pola Coruña, afirmaron que o 28A é “unha oportunidade” que as galegas e galegos van aproveitar para acabar coa discriminación a Galiza, optando por un BNG “que ofrece un proxecto sólido, unido e coa man tendida a todas as persoas que, nacionalistas ou non, queren que este país teña voz propia, sen subordinacións”.

“O 28 de abril é unha oportunidade", sinalou Pontón, "para conseguir o que Galiza necesita como auga de maio”.  Nese sentido, afirmou que o país precisa contar “cunha representación forte en Madrid sen pedir permiso a ninguén” para que haxa deputadas e deputados "que falen deste país, das súas aspiracións, dos seus problemas e de como solucionalos, de como dar futuro aos seus fillos e fillas e oportunidades á xente nova”. A portavoz nacional do Bloque concluíu o acto animando a votar o BNG "para construír unha Galiza próspera e orgullosa”.

Ciudadanos: Marta Rivera augura “unha etapa de futuro para a autonomía

A candidata de Ciudadanos ao Congreso pola Coruña, Marta Rivera de la Cruz, asegurou no arranque de campaña estar ante o inicio dunha etapa de progreso e “de futuro para a autonomía”.

Ante ao Teatro Rosalía de Castro, na Coruña, apostou por unha Galiza "importante en España e unha España importante en Europa". No seu discurso salientou "os valores constitucionais".