DIMITE O PORTAVOZ DO PP EN OURENSE

Comezan as réplicas galegas da fractura da dereita

Comezan as réplicas galegas da fractura da dereita
O ex portavoz do PP de Ourense, José Araújo, durante unha entrevista na Radio Galega. Foto: Radio Galega
O ex portavoz do PP de Ourense, José Araújo, durante unha entrevista na Radio Galega. Foto: Radio Galega  

A fractura da dereita española comeza a sentirse en Galiza. De momento, timida pero significativamente. O portavoz do PP en Ourense, José Araújo, abandona o barco a catro meses das eleccións. Faino na única cidade gobernada polos populares e sen descartar o paso a Ciudadanos. Non é a única baixa de relevo.
 


En Viveiro, as edís Crisitina Goás e Antonio Bouza renunciaron ás actas e, no caso de Bouza, tamén ao seu cargo de responsábel da agrupación local. Aínda que esgrimiron motivos persoais, detrás da decisión hai “discrepancias” coa dirección provincial do PP. Antes xa se borrara outra concelleira, María Jesús Vale, en protesta pola xestión da Xunta nas inundacións da Xunqueira.

A descomposición do PP de Viveiro -unha das principais vilas da Mariña- e a deserción de Araújo -que agrupaba importantes responsabilidades: infraestruturas, medio ambiente, transporte público- son síntomas das fendas que atravesan o campo político conservador. O distanciamento de Núñez Feixoo respecto de Pablo Casado é oportunista -o presidente da Xunta fixo virar a maioría do PP galego apoiar a facción máis dereitista do partido- pero é tamén síntoma das actuais tensións.

O asunto Araújo reviste relevancia, por se tratar do número 2 da única cidade do país que goberna o PP. E que gobernou nos últimos catro anos con graves déficits de xestión política, cos orzamentos prorrogados e accións de terra queimada no ámbito cultural. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, declarou á prensa após coñecer a renuncia que non o agardaba. “É unha persoa moi afín a min. Traballamos man a man”, afirmou.

No mundo político ourensán dáse por feito que José Araújo acabará na candidatura de Ciudadanos. Tan é así que o propio rexedor da cidade o asume e celébrao como unha oportunidade de “negociar”. A oposición de PSdeG e Ourense en Común intepretan ademais o sucedido como unha proba da ausencia de política e modelo de cidade do PP.



x