AURELIO NÚÑEZ CENTENO, PORTAVOZ DE SANIDADE DO PP

“A comisión de sanidade botará abaixo todas as falacias da oposición”

“A comisión de sanidade botará abaixo todas as falacias da oposición”
Aurelio Nuñez Centeno, portavoz de Sanidade do PP no Parlamento galego. Foto: Parlamento de Galiza.
Aurelio Nuñez Centeno, portavoz de Sanidade do PP no Parlamento galego. Foto: Parlamento de Galiza.  

Aurelio Núñez Centeno (Carballo, 1958) é o portavoz de Sanidade do Grupo Popular no Parlamento de Galiza. Ao seu ver, a comisión de investigación deitará abaixo “as falacias da oposición”. Cualifica os recortes “dunha mentira máis” de En Marea, PSdeG e Bloque e afirma que o Goberno de Feixóo “incrementou os orzamentos ano a ano”. Remite as respostas ao cuestionario de Sermos Galiza vía correo electrónico.
 


-O Partido Popular amosouse, de entrada, contra a constitución da comisión. Despois matizou a postura. Para que cre que pode servir o órgano?

-O PP non se opuxo en ningún momento á creación desta comisión de investigación. É un dereito que teñen os grupos da oposición, grazas a unha modificación do Regulamento do Parlamento, aprobada a pasada lexislatura e á que tanto En Marea (antes AGE), como PSOE e BNG votaron en contra. Amosa as grandes posibilidades das que goza a oposición para controlar a acción do Goberno galego. Penso que esta comisión vai servir para botar abaixo todas as falacias que están a dicir os grupos da oposición respecto da sanidade pública galega, ao tempo que poremos en valor o excelente traballo diario dos profesionais da sanidade. Como sempre, entendemos que todo poder ser mellorable, e agardamos unha actitude construtiva da oposición e as súas achegas para corrixir os desaxustes que podan existir, como en calquera outro servizo de saúde.

-Que temas debe tratar a comisión de investigación sobre a sanidade?

-Nós vemos a comisión de investigación como unha oportunidade para que toda a sociedade galega coñeza o estado xeral da sanidade e poida compararse con outros sistemas sanitarios españois. Demostraremos que os galegos gozan dunha boa sanidade pública, con moi bos profesionais e, afortunadamente, cada vez con máis e mellores medios. Cada vez é mellor valorada polos galegos. Ademais, poderase confirmar que os supostos recortes na sanidade galega son unha mentira máis dos grupos da oposición. Desde a chegada do actual Goberno do PP á Xunta o orzamento para sanidade incrementouse nun 7% e pasou de representar o 35 ao 40% do total do orzamento da Administración galega.

-Os tres grupos da oposición afirman temer que a maioría do PP “bloquee” ou “desvirtúe” os traballos da comisión. Como prevén o seu funcionamento?

-Esta comisión funcionará do mesmo xeito que calquera outra no Parlamento galego. Haberá un plan de traballo, con solicitude de comparecencias e documentación que se axusten aos temas a tratar. O que queremos é que sexa operativa, para evitar que se converta nun espectáculo circense.

-A oposición pon o acento nos recortes orzamentarios da materia e fala de pacientes mortos por “posíbeis erros do sistema”.

-Estamos afeitos a escoitar este tipo de afirmacións, absolutamente falsas, en cada Pleno ou comisión do Parlamento. Reitero unha vez máis: defendemos a calidade da sanidade galega, e o gran traballo dos profesionais do Servizo Galego de Saúde. Todos recordarán o que teñen dito En Marea, PSOE ou BNG en multitude de ocasións: que o Hospital Álvaro Cunqueiro era privado e pequeno, que se ía cobrar polas cadeiras dese hospital ou mesmo pola auga, que habería que pagar por consultas, urxencias, ecografías... Todo falso. Como exemplo de sanidade gobernada dende sempre polo Partido Socialista temos a de Andalucía: menor gasto por habitante, menores salarios, múltiples reclamacións de cidadáns e sindicatos, e episodios recentes de falecementos por posibles neglixencias, polos que o PP non solicitou comisións de investigación. Espero que na comisión de investigación se poñan en evidencia estas falacias e contradicións.

-O Grupo Popular está preocupado pola coordinación —como a amosada ao propor esta comisión— dos partidos da oposición?

-En absoluto. Están no seu dereito, grazas a unha modificación do Regulamento aprobada polo PP e que eles votaron en contra. A partir da súa decisión, imos colaborar para que esta comisión funcione dun xeito áxil e produtivo, e para iso pedimos a colaboración dos grupos da oposición. Todos os galegos teñen dereito a coñecer a verdade sobre a situación da súa sanidade pública, que ten moitos aspectos nos que é mellorable e, por iso é unha das prioridades deste Goberno galego, como demostra co incremento, ano tras ano, de orzamentos nunha situación de forte caída dos ingresos pola crise económica que sufrimos.