Compostela acolle esta quinta feira a primeira das asembleas abertas do BNG nas 7 cidades galegas


Compostela acolle esta quinta feira a primeira das asembleas abertas do BNG nas 7 cidades galegas

A organización frontista desenvolve desde a pasada semana a campaña "Construíndo futuro" na que se enmarcan estes encontros. 

O Bloque enceta esta quinta feira (18 de setembro) a rolda de asembleas abertas nas principais cidades do país.

No marco da campaña 'Construíndo futuro', a organización frontista visa desenvolver encontros abertos aos que convoca a toda a cidadanía para pular polo "compromiso" social e a "participación popular" no actual contexto económico e político, segundo afirman no manifesto de lanzamento da campaña. 

No portal web que o BNG habilitou fíxose público o calendario de asembleas co que percorrerán localidades e comarcas de toda Galiza. Esta quinta feira (18 de setembro) comeza en Compostela a primeira das que terán lugar nas principais cidades galegas, será ás 20.00h na Facultade de Filoloxía. 

Desde a fronte nacionalista animan a participar apuntando que "é tempo de sumarmos esforzos, de comprometérmonos persoal e colectivamente e de xerarmos ilusión no afianzamento do proxecto de ruptura e transformación social que o nacionalismo representa".

Un feito que enmarcan máis alá "de localismos" e insiren "nun proxecto global" baseado, explican, "non en opcións miméticas" senón nunha "expresión política propia". 



x