ANÁLISE

Compostela, cittá aperta

Compostela, cittá aperta
[Imaxe: SG] Unha rúa do Ensanche
[Imaxe: SG] Unha rúa do Ensanche  

Faltan tres meses para as eleccións municipais e Santiago de Compostela vai ser unha das prazas onde máis expectativas se centran sobre o que poida pasar. En parte polo propio peso político que outorga ser a capital do país, en parte por ver como valora a veciñanza catro anos de xestión dun goberno ‘do cambio’, e en parte polo peso das diferentes alternativas en xogo.   


Nas municipais de hai catro anos Compostela protagonizou un dos principais capítulos da vaga de mudanza política que se vivía en Galiza e no Estado. O PP era descabalgado da alcaldía após unha lexislatura con tres alcaldes, escándalos varios e episodios de corrupción. Entraba con forza (34,6% dos votos e 10 concelleiros) Compostela Aberta (CA), a articulación a nivel municipal do que se denominada como ‘espazo do cambio’ e que se situou como primeiro partido. O PP ficaba con 9, o PSdeG suaba ao perder a metade dos apoios (tivo 14%) e ficar en 4 edís; e o BNG, con 2 representantes, embora baixar, tiña o seu mellor resultado nas cidades galegas despois de Pontevedra e Lugo. 

E catro anos despois, que? Van deixarnos as eleccións do 26 de maio un escenario diferente, van propiciar un novo cambio do calado do que pasou hai catro anos? En principio, non parece que vaia experimentar importantes variacións, o que non quer dicir que as que haxa non vaian ter a súa importancia.

Ninguén acredita en que unha forza acade a maioría absoluta, fixada en 13 concelleiros e concelleiras. Iso, coa composición actual, desbota que a dereita poida gañar a non ser con alianzas contranatura. Mesmo, e así o indican enquisas e estudos de opinión, o PP vai perder votos e Ciudadanos -que en 2015 ficou ás portas- podería entrar na corporación compostelá.

Así pois, o campo de xogo sitúase na esquerda e na correlación de forzas dentro dela: Compostela Aberta, PSdeG e BNG. CA confía na xestión feita nestes anos, incidindo en que se desenvolveu nun acoso mediático e político que non tivo precedentes na historia política da capital galega e na que xogou un papel clave o PP galego vía Sánchez Brunete (ex-asesor de Conde Roa).  Son conscientes de que agora xa non sopran aqueles ‘ventos favorábeis’ de hai catro anos a nivel supramunicipal (punto álxido de Podemos e marés) mais confían en que o feito na lexislatura pese. E que tamén se dea, en certa medida, un voto útil da esquerda cara a CA nun panorama de forte presión mediática e política da dereita. O que si que se ten claro é que, fronte a certa opinión estendida en non poucos sectores de que as cousas van ficar como están, cómpre implicar a base social para que non desconecte. “Non nos interesa a calma podre”, resumen fontes de CA.

[Podes ler a análise íntegra no número 335 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]