ESPIMOS OS PROGRAMAS ELECTORAIS

Os compromisos de cada candidatura contra a corrupción

Os compromisos de cada candidatura contra a corrupción
Contas de Bárcenas publicadas por El País
Contas de Bárcenas publicadas por El País  SG

Após o inagotábel volume de casos de corrupción, tráfico de influencias e financiación ilegal que rodeou os gobernos do Estado e máis as estruturas do PP, todas as formacións, incluída a de Casado, presentan unha pormenorizada epígrafe de loita contra a corrupción nos seus programas electorais. Vexamos que formula cada quen.


Antes de operar a trama Gürtel e outros casos de corrupción, na Galiza xa se deran casos relacionados da man de Pablo Crespo, ex secretario de organización do PPdeG, condenado pola Audiencia Nacional a 37 anos de prisión. A caída de Mariano Raxoi tras a sentenza ao PP por financiamento ilegal non foi ningún colofón final, pois alertan que continúan as cloacas do Estado e o entramado da espionaxe política.

Todas as formacións que concorren ás eleccións xerais abordan nos seus programas epígrafes relacionadas coa loita contra a corrupción e pola transparencia. Vexamos que formula neste plano cada organización.

O PP quere restrinxir o uso do decreto-lei e afea a Sánchez que o empregue en campaña

O programa do PP conta cun apartado sobre transparencia onde se compromete a reformar o regulamento do Congreso e Senado para fortalecer a función de control ao goberno e a actividade das e dos membros das Cortes Xerais. Avogan tamén por restrinxir o uso do decreto-lei en época previa das eleccións, que aínda que eles o teñen empregado, agora llo afeaban a Sánchez.

Avogan por restrinxir o uso do decreto-lei en época previa das eleccións

Anuncian ademais unha reforma da financiación dos partidos políticos encamiñada á transparencia nas súas contas.

O BNG posiciónase contra as restricións que impiden a xestión pública dos servizos

O Bloque comprométese coa transparencia na contratación pública e opta pola supresión das restricións de carácter normativo para a xestión pública directa de servizos públicos.

Defende o BNG no seu programa electoral a inhabilitación directa de cargos públicos e representativos que cometan fraude fiscal e avogan pola regulación “estrita” das portas xiratorias e das incompatibilidades.

Avogan pola supresión das deputacións provinciais e do Senado

Dentro da reestruturación administrativa e adelgazamento do aparello do estado que anuncian no programa, avogan pola supresión das deputacións provinciais, co traspaso de competencias e funcións á Galiza e concellos. E, na mesma liña, tamén defenden a eliminación dos departamentos ministeriais “con competencias transferidas”, ademais da supresión do Senado.

En Común-Unidas Podemos propón fiscalizar as contas públicas e atrancar as portas xiratorias

Prohibir que os partidos políticos poidan financiar as súas campañas electorais mediante créditos bancarios é unha das primeiras medidas que En Común-Unidas Podemos defende no seu programa electoral para avanzar en transparencia.

En canto ao poder xudicial, comprométense a “despolitizar a xustiza e o Tribunal Constitucional, cun sistema de nomeamentos no que prime o consenso e non as cotas partidistas”. Avogan tamén desde a coalición pola loita contra os paraísos fiscais e pola fiscalización das contas públicas e o reforzo da función fiscalizadora do Tribunal de Contas sobre o sector público e as formacións políticas. Ademais, queren impulsar un marco xurídico internacional para os procesos de reestruturación de débedas soberanas.

Comprométense a despolitizar a xustiza e o Tribunal Constitucional

“Atrancar as portas xiratorias na política, en altos cargos da Administración e no Poder Xudicial” é un dos compromisos mais salientábeis, para cuxo obxectivo tamén propoñen a extensión do réxime de incompatibilidades a deputadas e deputados e membros do Senado, así como regular os lobbies e “facer transparente a súa incidencia política”.

En Marea defende a administración aberta e endurecer o código penal por corrupción

Desde a candidatura de En Marea avogan por unha “administración aberta, o control democrático e a eliminación da corrupción”, para o que propoñen, entre outras medidas, un código ético do cargo público, a profesionalización da administración, e a redución de altos cargos. Así mesmo, optan por eliminar os privilexios da representación pública e “erradicar as portas xiratorias”.

Eliminar os privilexios da representación pública e erradicar as portas xiratorias

O compromiso da formación de Luís Villares defende un plan contra a corrupción e o endurecemento do código penal por ese motivo, así como a imprescritibilidade do delito económico relacionado coa corrupción. Esixen tamén a dotación de medios e capacidade de actuación ao Tribunal de Contas e salientan que “todo o que non sexa secreto de estado debe ser accesíbel para a cidadanía”.

O PSOE chama a rexenerar a democracia en España

O PSOE denomina a súa proposta como “rexeneración democrática en España” e no seu programa de 110 compromisos considera que cómpre ir máis alá de unicamente combater a corrupción. “Supón”, sinalan, “pór en marcha procesos democráticos innovadores de cara a posibilitar gobernos e parlamentos abertos”.

Pór en marcha procesos democráticos innovadores de cara a posibilitar gobernos e parlamentos abertos

En relación á transparencia consideran que significa un instrumento clave para a prevención da corrupción e para a rendición de contas, “facendo posíbel o control democrático do poder, tanto por parte da cidadanía como do Parlamento”.

O programa de Ciudadanos contra a corrupción toma forma de lista de consignas e cánticos

Nos seus “10 compromisos con España”, Albert Rivera anuncia tolerancia “cero” coa corrupción, para o que formula eliminar os aforamentos e os indultos para as persoas corruptas, “fóra imputados por corrupción”, salienta nos seus compromisos (sen nin sequera dar pistas de onde é que sairán “fóra”), propón despolitizar a xustiza, pór fin aos “dedazos e enchufes” na administración e pechar “os chiringuitos políticos e organismos inútiles”.