En Común alerta dun PSOE "virado á dereita" e "susanizado"

En Común alerta dun PSOE "virado á dereita" e "susanizado"
Rolda de prensa de Galicia En Común en Compostela.
Rolda de prensa de Galicia En Común en Compostela.  
Nun almorzo informativo celebrado en Santiago, as cabezas de lista á Cámara alta da coalición de Galicia En Común alertaron de que un Goberno no que o Partido Socialista non conte con Unidas Podemos sería un executivo "virado á dereita" e cun Pedro Sánchez susanizado, en referencia á ex presidenta andaluza Susana Díaz.

Avisan desde Galicia En Común que a presenza de Unidas Podemos no Executivo será "fundamental". "Se non está Unidas Podemos no Goberno non vai haber cambios, senón que haberá un Pedro Sánchez virado á dereita e susanizado", incidiu Yolanda Díaz. "Chegou o tempo das certezas e de votar con claridade", aseverou a candidata por Pontevedra, e pediu "un voto inútil" para a defensa de cuestións como o mercado laboral, as pensións e a facenda pública.  

A un día para o inicio da campaña, En Común confía en manter os resultados obtidos nas eleccións de abril (dúas deputadas) e, mesmo, melloralos coa "ruptura do bipartidismo" en Lugo e Ourense e a posibilidade de alcanzar o segundo escano pola Coruña e Pontevedra. En palabras de Antón Gómez-Reino, número un pola Coruña, que apela afrontar as enquisas con "precaución", estes estudos reflicten a "tendencia" de que o espazo "está consolidado" e crecendo, polo que chama "á mobilización da cidadanía progresista e de esquerdas que quere que haxa un goberno de esquerdas".

Gómez-Reino criticou tamén o plan de cobertura informativa da CRTVG para a campaña do 10 de novembro, especialmente, pola supresión das entrevistas aos candidatos e a localización en horario matinal do único debate que emitirán a radio e a televisión públicas. "Facelo desta forma é furtar á cidadanía o dereito a recibir unha información veraz e completa ante unha cita tan importante como esta", sinalou.