En Común comprométese a sanear a ría do Burgo se acada unha posición decisiva no vindeiro Goberno

En Común comprométese a sanear a ría do Burgo se acada unha posición decisiva no vindeiro Goberno
Gómez-Reino, na ría do Burgo [Imaxe: En Común]
Gómez-Reino, na ría do Burgo [Imaxe: En Común]  

O candidato ao Congreso de En Común-Unidas Podemos pola Coruña, Antón Gómez-Reino, comprometeuse hoxe a esixir recursos efectivos para acometer a rexeneración inmediata da ría do Burgo no caso de ter unha posición decisiva na conformación do próximo Goberno.

“O noso compromiso", asegurou o cabeza de lista pola Coruña, "é sentar a todas as administracións implicadas, chegar a un acordo e asignar no primeiro trámite orzamentario recursos efectivos para o dragado e a rexeneración porque é absolutamente fundamental para a vida da comarca. Miles de familias seguen vivindo do marisqueo e de actividades indirectas”.

Gómez-Reino lamentou que “levamos demasiado tempo falando de que hai que resolver dunha vez un problema de afectación ambiental tan importante coma este”. Lembrou ademais que a situación da ría “ten unha derivada no equilibrio do ecosistema moi grave e nociva, pero tamén no ámbito laboral: máis de dúas mil persoas traballaban hai anos nesta ría e a día de hoxe esa carga de traballo está claramente mermada debido aos niveis de contaminación”.

O número 1 de En Común pola Coruña insistiu en que “levamos décadas de reivindicacións. Seis anos despois dun informe da Unión Europea que empregaba a palabra inmundicia para definir o estado no que se atopa O Burgo, e dous anos tras a aprobación do informe de impacto ambiental que permite proceder ao dragado e á rexeneración, seguimos na mesma situación”. Subliñou Gómez-Reino que “na pasada lexislatura presentamos diferentes iniciativas na defensa dos postos de traballo e demandando medidas orzamentarias para acometer a rexeneración da Ría”.

Gómez-Reino concluíu dicindo que “é imprescindible que as administracións públicas tomen unha posición decidida. Cando se toman en serio este tipo de cuestións, hai solucións”. Como exemplo do “camiño que debemos seguir”, quixo pór en valor a xestión do goberno municipal da Coruña, que, apuntou, “reduciu un 70% as emisións no seu termo municipal”.