En Común cre que o proceso contra os seus candidatos por "defender" Alcoa "carece de sentido"

En Común cre que o proceso contra os seus candidatos por "defender" Alcoa "carece de sentido"
Ángela Rodríguez, con Mayoral e Gómez-Reino esta segunda feira en Pontevedra. [Imaxe: GEC]
Ángela Rodríguez, con Mayoral e Gómez-Reino esta segunda feira en Pontevedra. [Imaxe: GEC]  
En Común-Unidas Podemos considerou esta segunda feira que o proceso xudicial aberto contra os seus candidatos por "defender" os traballadores de Alcoa nunha protesta celebrada o pasado mes de marzo fronte ao Congreso dos Deputados "carece de sentido de principio a fin". Así o manifestaron na xornada na que a número dous da formación ao Congreso por Pontevedra, Ángela Rodríguez, acudiu aos xulgados da cidade do Lérez para prestar declaración pola súa participación na protesta en apoio á continuidade da planta de Alcoa na Coruña.

Ángela Rodríguez estivo acompañada polas cabezas de lista pola Coruña e Pontevedra, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, así como polo aspirante ao Congreso de Unidas Podemos por Madrid, Rafael Mayoral, quen subliñou que "defender os dereitos da xente traballadora non é un delito". "Este tipo de procedementos son unha interferencia nos procesos democráticos que se dan no noso país, unha posta en cuestión ao exercicio dos dereitos fundamentais inadmisible nun sistema democrático", apuntou Mayoral.

Pola súa banda, a candidata por Pontevedra, Yolanda Díaz, denunciou a "represión" que se vive no Estado onde, segundo indicou, "máis de 300 traballadores están a ser represaliados simplemente por defender os seus dereitos". Neste punto, cualificou de "bárbara" a sentenza do Tribunal Constitucional na que se apunta a que "estar enfermo" pode ser "causa de despedimento". "Os tempos veñen malos e fago un chamamento para que o próximo 10 de novembro enchamos de dignidade as urnas e freemos o proceso que estamos a vivir", concluíu.

En concreto, a xuíza de instrución de Madrid chamou a declarar en calidade de investigados a tres deputados do grupo de Unidas Podemos (Rafael Mayoral, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino) e a unha ex deputada (Ángela Rodríguez) por un suposto delito de atentado contra a autoridade que cometerían durante unhas cargas policiais nas proximidades do Congreso. Na súa calidade de aforados, o tres deputados só poden ser investigados, e por tanto chamados a declarar, polo alto tribunal. Con todo este non é o caso de Ángela Rodríguez, que non ostentaba escano no momento dos feitos.