28A

En Común-Unidas Podemos alerta dun posíbel pacto entre Sánchez e Rivera

En Común-Unidas Podemos alerta dun posíbel pacto entre Sánchez e Rivera
Yolanda Díaz e Gómez-Reino
Yolanda Díaz e Gómez-Reino  

“Un drama para Galiza”. Así cualifican Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino a posibilidade dun pacto postelectoral no que Rivera acabe de vicepresidente ou de ministro de Pedro Sánchez.


Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, que encabezan as candidaturas de En Común-Unidas Podemos ao Congreso por Pontevedra e A Coruña, alertaron, após unha reunión cos sindicatos UXT e CC.OO. en Santiago, da posibilidade de que se produza un escenario postelectoral que se resolva cun pacto de goberno no Estado español entre Sánchez e Rivera.

Nun encontro que mantiveron entre En Común-Unidas Podemos cos sindicatos UXT e CCOO, Díaz alertou da “tentación sistemática do PSOE de gobernar con Ciudadanos”, o que cualificou “drama para Galiza”, pois lembrou que foi a única forza que se posicionou en contra da admisión a trámite no Congreso para que se puidese debater a transferecia da AP9 a Galiza.

O actual deputado Gómez-Reino afirmou que non se trata de que Galiza teña voz en Madrid, senón que “ten que ter peso no goberno".

Reunión con UXT e CCOO

En declaracións aos medios tras o encontro mantido cos sindicatos UXT e CCOO, Yolanda Díaz acusou ao goberno de Sánchez de non querer derrogar as reformas laborais de 2010 e 2011 e sinalou como “primeira encomenda” ao novo goberno que se forme no Estado, tratar a desprotección que padecen persoas en situación de desemprego, especialmente as persoas de máis de 52 anos.

Así mesmo, engadiu que o vindeiro goberno debe frear os contratos de tempo parcial que afectan, en maior medida, ás mulleres.