En Común-Unidas Podemos presenta 404 medidas xenéricas

En Común-Unidas Podemos presenta 404 medidas xenéricas

En Común-Unidas Podemos foi das últimas candidaturas en presentar o seu programa electoral para o 28 de abril. Esta sexta feira deu a coñecer as 404 medidas que propón.


A candidatura conformada por Izquierda Unida e Podemos presentou na mañá desta sexta feira as 404 medidas que propón nun “ambicioso programa” para "gobernar o Estado desde Galiza" en que destaca a suba do salario mínimo interprofesional até 1.200 euros ao final da próxima lexislatura. 

Entre outras medidas, recolle a renda básica de 600 euros mensuais, ampliada a 1.200 euros segundo a situación familiar e considera “posíbel” estabelecer unha xornada laboral de 34 horas semanais.

Ademais, En Común-Unidas Podemos aposta en recuperar “os 60.000 millóns que a cidadanía emprestou á banca”, así como crear unha banca pública e nacionalizar a AP9. A nacionalización da autoestrada e mais a creación de xulgados específicos de violencia de xénero foron as dúas propostas relativas a Galiza que deron a coñecer na rolda de prensa, en que destacaron as medidas de carácter estatal.

Durante a presentación do programa, o cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, subliñou a “cor morada feminista” das propostas, entre as que se atopan a reclamación de paridade nas institucións financiadas con diñeiro público, unha lei que evite que continúen os asasinatos e unha lei de igualdade retributiva.

En materia de dereitos sociais, as candidatas e candidatos salientaron como fundamental acabar coa Lei Mordaza, elaborar unha Lei de Morte Digna e outra de Memoria Democrática que poña fin ás chantaxes da familia Franco.

Gómez-Reino afirmou en declaracións aos medios que se sente “orgulloso” do traballo lexislativo que desenvolveu como parlamentar e sinalou que serviu de “dique de contención” de políticas tanto do PP como do PSOE. Dixo que En Común Unidas-Podemos aspira a formar parte do Goberno central.



x