O concelleiro do BNG de Ramirás denuncia ameazas e presións

O concelleiro do BNG de Ramirás denuncia ameazas e presións

O edil nacionalista, Marcos Meléndez, atribúe os feitos ao PSOE local.


En conversa con Sermos Galiza Marcos Meléndez relata o ocorrido ao longo dos últimos días após o pleno de investidura. Este edil do BNG de Ramirás dá conta dos "ataques persoais", "mentiras" e "ameazas" que padece desde que se constituíu a nova corporación municipal logo das eleccións do 24 de maio. 

O conflito orixinouse após as votacións na sesión de investidura. Os escanos repartíronse 4 para o PP (a lista máis votada), 4 PSOE e 1 o BNG. A decisión adoptada pola asemblea local nacionalista foi non apoiar ningunha das propostas e votárense a si [email protected] chegado o momento. 

"Nós non imos votar nunca ao PP, por suposto" mais "non queremos un cambio de cromos, senón unha mudanza real", explica Meléndez. Razón pola que decidiron non dar o seu voto á candidata socialista e agora, líder da oposición, Isabel Gil fora candidata polo BNG con anterioridade e abandonou a organización frontista logo de rematar a lexislatura. "Pedímoslle ao PSOE que saíse [Isabel Gil] para comezar a falar", porén, a agrupación municipal optou por manter a súa candidata. 

A falta de acordo elevou o Partido Popular ao goberno de Ramirás como lista máis votada nos comicios. 

A partir dese momento comezaron as "chamadas ao meu estabelecemento", a "presión nas redes sociais" e as conversas "con meus pais". "Insinuaron que pactaramos co PP" e embora "decidimos non entrar nas provocacións" a "pinga que rebordou o vaso" foi o reparto de "cartaces" nos que se chama ao boicote do negocio que rexenta a familia de Meléndez. 

O acontecido xa foi denunciado perante a Garda Civil e "malia que non podemos demostralo, sospeitamos que isto o está a facer xente do PSOE", explica o edil. 
 

Fe de grallas. Por erro sinalouse inicialmente na información que a distribución de escanos era: 5 PP, 5 PSOE e 1 BNG, sendo que a nova corporación está composta por 4 edís populares, 4 socialistas e 1 nacionalista. Aliás, indicouse, erroneamente, que Pilar Otilia López era a candidata do PSdeG. Porén, é Isabel Gil, como se indica agora.