FALAMOS COS PROTAGONISTAS

Conclúe sen acordo o encontro entre IpU e o Foro ao que EU e Podemos non asistiron

Conclúe sen acordo o encontro entre IpU e o Foro ao que EU e Podemos non asistiron
Unha reunión de Iniciativa pola Unión
Unha reunión de Iniciativa pola Unión  

Após máis de catro horas de reunión, non houbo acordo entre Iniciativa pola Unión e o Foro Político para configurar unha única candidatura galega ás eleccións xerais. Malia estaren convidados, nin EU nin Podemos asistiron á xuntanza.


A reunión convocada para hoxe ás 11h no restaurante Paz Nogueira de Compostela finalizou contra ás 15.15h sen ningún acordo. Segundo puido saber Sermos Galiza, o acordo estaba condicionado a que IpU asumira, sen modificación nin matización ningunha, os sete puntos constitutivos do Foro Político. Neste contexto, os principais motivos polos que non se chegou a un acordo teñen a ver coas garantías para constituír un grupo parlamentar soberano -desde o punto de vista de IpU non existen esas garantías- e que o acordo do Foro Político implicaría asumir que a candidatura resultante se presentase como tal ás eleccións galegas, algo inasumíbel para o BNG, xa que a formación frontista defende que nos comicios galegos ao Parlamento do Hórreo o nacionalismo ten que concorrer como tal, cun proxecto inequivocamente soberanista.

Na xuntanza, que tivo lugar froito da conversa entre Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, e Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, participaron, amais da plataforma convocante, IpU, BNG, Anova, FOGA, Cerna, PCPG, Equo, Compromiso por Galicia, Partido Galeguista e o Foro Político. Non participou representante ningún de EU nin de Podemos, malia seren convidados. Falamos con representantes das forzas e colectivos convidados a esta reunión.

"Mini": "Quedou moi claro, e é de louvar, que ambos os dous proxectos son lexítimos e que, de momento, teñen que discorrer por separado

Xosé Luís Rivas, "Mini" (IpU): "É unha mágoa, pero realmente hai dous proxectos moi diferenciados"

En declaracións a Sermos Galiza, Xosé Luís Rivas, "Mini", membro da Coordinadora de IpU, afirma que "é unha mágoa non chegar a un acordo, pero realmente hai dous proxectos moi diferenciados que de momento non conseguen entenderse". "Quedou moi claro, e é de louvar, que ambos os dous proxectos son lexítimos e que, de momento, teñen que discorrer por separado. Posibelmente, poderiamos chegar a unha confluencia, mais o tempo e escaso e as veces que nos xuntamos para falar foron poucas. Era necesario moito máis diálogo, confluencia e repouso", engade.

Costas: "As cousas non se moveron de onde estaban"

Quique Costas (Foro): “Hai dous proxectos en marcha e son diferentes”

Quique Costas, representante do Foro e do Encontro cidadán por unha Marea Galega, apunta que “as cousas non se moveron de onde estaban: hai dous proxectos en marcha e son diferentes. Constatouse isto, basicamente”, afirmou, en conversa con Sermos Galiza.

Bieito Lobeira (BNG): “Evidenciouse que existen alternativas políticas diferentes e que se van expresar a nivel electoral tamén de forma diferente”

En declaracións a Sermos Galiza, Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG, salienta que a reunión “foi moi clarificadora en canto ao que defendeu cadaquén”. “Evidenciouse que existen alternativas políticas diferentes e que se van expresar a nivel electoral tamén de forma diferente”, apuntou, “hai quen pensa que a alianza coa esquerda española ten un carácter estratéxico e isto concrétase no feito de considerar o grupo parlamentar propio como unha peza importante ou non”.

Lobeira: Galiza non pode ser apéndice dunha estratexia española e nós non seremos un graneiro de votos ao servizo de ninguén de fóra

Sobre o grupo parlamentar propio, Lobeira defendeu que os galegos e galegas “temos dereito a posuírmos un instrumento político e soberano, non dependente de alternativas españolas”. Galiza non pode ser apéndice dunha estratexia española e nós non seremos un graneiro de votos ao servizo de ninguén de fóra. “Ter ou non grupo parlamentar propio é un debate político que ten a ver co feito de acreditarmos en poder os galegos e galegas construír coas nosas mans e, lamentabelmente, hai quen non o ve así”, salienta. “Un grupo parlamentar ten dereitos e outra fórmula non”, engade.

Ademais, sobre a reunión, subliñou que “participou todo o mundo que quixo estar, mesmo as formacións que no seu día foran expresamente vetadas”. “Quen non estivo foi porque non quixo ou porque non lle interesará a candidatura galega”, sinalou, en alusión a EU e a Podemos.

Xavier Vence expresou nas redes sociais o seu parecer após a reunión, “máis non se pode: nin mesmo ofrecendo poñer a cero para a candidatura de unidade e grupo soberano. Os que non querían seguen sen querer. Forza IpU”.

Bascuas: "Falta vontade política"

Bascuas (Compromiso): “Antepuxéronse proxectos políticos á proposta de país”

En conversa con Sermos Galiza, o secretario xeral de Compromiso, Xoán Bascuas, sinala que o feito de que non se chegara a un acordo “é unha demostración clara de que falta vontade política”. “Isto débese a que se antepuxeron proxectos políticos á proposta do país”, lamenta Bascuas, quen se amosa respectuoso ao sinalar que “é moi lexítimo”. “Nós, desde Compromiso por Galicia, intentámolo”, asegura. Salienta que “se de aquí ao día 6 contemplamos unha pequena opción, tentaremos exprimila ao máximo”.

Compromiso por Galicia decidiu o sábado pasado apostar de forma proactiva na unidade até o último momento. En caso de non ser posíbel esa unidade, a Convención Nacional desta formación acordou non concorrer ás eleccións xerais e avogar en darlle ao conxunto de militantes a liberdade para apoiar, a título individual, calquera das candidaturas.

Cerna: "Se ademais, Anova xa conseguiu traer Podemos e IU- como anunciou alí- a asumiren unha candidatura galega soberana, cal é o problema?"

Cerna di que o fracaso é evitábel

Cerna, pola súa banda, emitiu un comunicado no que asegura que o “fracaso” aínda é “evitábel”. Sinala, ademais, que as persoas presentes na reunión “coincidiron”, entre outras cuestións, “na necesidade dunha candidatura que faga posíbel un grupo parlamentar galego sobre a base dunha coligazón feita en Galiza con personalidade xurídica propia” e “en que o grupo parlamentar que se logre defenda os dereitos nacionais de Galiza”. Tamén habería coincidencia, segundo Cerna, na “base cidadá” da candidatura e nas primarias para a elección de candidatos e candidatas.

No comunicado, Cerna pregúntase, “se ademais, Anova xa conseguiu traer Podemos e IU- como anunciou alí- a asumiren unha candidatura galega soberana, cal é o problema?”. “Desde Cerna chamamos as diferentes partes a seren consecuentes coas súas palabras e acordar xa unha coligazón sobre as coincidencias e que as pequenas discrepancias, incluíndo as listas electorais, as decida o corpo cidadá de adherentes polo sistema de unha persoa un voto”, engade.

EU admite ter como prioridade política o pre acordo con Anova e Podemos

Consultado por Sermos Galiza acerca da non presenza de EU na reunión desta mañá, Rubén Pérez, secretario de Organización desta formación, afirma que EU non participou “por axenda”. “Xa estamos nun proceso con Anova e Podemos e estamos traballando nesa órbita”, salienta.

Rubén Pérez: "A nosa prioridade é consolidar o pre acordo con Anova e Podemos"

“Recibimos moitos convites cruzados esta semana e tivemos reunión da Executiva, polo que non podiamos asistir ao encontro”, asegura Rubén Pérez, quen fai fincapé en que “a tan só seis días de que conclúa o prazo legal para a presentación das coligazóns, a nosa prioridade é consolidar o pre acordo con Anova e Podemos”.

Podemos, pola súa parte, eludiu ofrecer declaracións ao respecto.