Ducias de persoas condenan na Coruña o golpe contra o goberno lexítimo de Venezuela

Ducias de persoas condenan na Coruña o golpe contra o goberno lexítimo de Venezuela
Un momento da concentración
Un momento da concentración  

Na concentración entoáronse palabras de orde a favor da revolución bolivariana e contra o Goberno Sánchez, que esta mesma segunda feira recoñeceu Juan Guaidó como presidente de Venezuela, 


Ducias de persoas concentráronse no serán desta segunda feira fronte á sede da subdelegación do goberno español da Coruña para protestar contra o golpe de estado en curso en Venezuela, unha operación patrocinada polos EUA que agora conta co aval da maioría dos estados da Unión Europea, e contra o recoñecimento de Juan Guaidó como presidente do país caribeño por parte do goberno español.

"Isto é un golpe de Estado", "Contra o imperialismo, nin un paso atrás" ou "Galiza e Venezuela, solidariedade" foron algúns dos cánticos máis entoados pola concorrencia.

O acto insírese nunha xeira de mobilizacións a favor da revolución bolivariana que tamén tiveron o seu espazo nas cidades de Vigo e Compostela, e nel tomaron parte Paulo Carril, secretario xeral da CIG, e María Xosé Bravo, presidenta da asociación cultural Alexandre Bóveda. Deixáronse ver tamén rostros da política, como Mario López Rico, de Cerna, ou Manel Francisco Méndez, responsábel local do BNG.



x