CARME DA SILVA, NÚMERO UN DO BNG POR PONTEVEDRA

“A confianza en nós mesmas é a base para pensar como pobo”

“A confianza en nós mesmas é a base para pensar como pobo”
Carme da Silva, candidata do BNG por Pontevedra. Abaixo, no mitin do domingo en Pontevedra. [Imaxes: BNG]
Carme da Silva, candidata do BNG por Pontevedra. Abaixo, no mitin do domingo en Pontevedra. [Imaxes: BNG]  
Carme da Silva Méndez (Pontevedra, 1966), concelleira en Pontevedra, ex parlamentaria no Parlamento de Galiza, membro da Executiva nacional do BNG, en abril pasado encabezou por vez primeira unha lista ao Congreso. “Estivemos a piques de conseguir un escano. Agora, se todas as persoas que amamos este país empurramos na mesma dirección, podemos conseguilo”, asegura.

En que se parece aquela campaña de abril e esta de novembro?

A campaña de abril foi especial para o BNG. Percibimos no contacto directo coa xente que hai gañas de que o BNG recupere a representación no Congreso. E a medida que ía avanzando a campaña esa ilusión medraba. E iso seguímolo notando unha vez rematou a campaña e volvemos sentir agora. Parece que cada vez estamos máis preto de recuperar esa representación.

Á marxe do principal, obter esa representación, que outros obxectivos se marca o BNG nesta campaña?

Hai un obxectivo que e fundamental: trasladar á sociedade galega que ten que ter confianza en si mesma, en que somos unha sociedade moi traballadora e que ten demostrado ao longo da historia que supera os momentos difíciles mesmo cando non ten apoio por parte de quen ostenta a responsabilidade de goberno en Madrid ou en Santiago. Esa confianza en nós mesmas é a base para pensar como pobo, en obxectivos como pobo a medio prazo e termos un futuro e que todo o potencial dun país tan rico serva para vivir aquí dignamente e devolverlle a Galiza a dignidade e o respecto como país.

Que asuntos no plano galego considera determinantes para que o BNG recupere voto?

Penso que todas as persoas que nalgún momento votaron polo BNG demostraron que teñen un compromiso co país. Agora que o BNG é, neste proceso electoral, a única candidatura de país, anímoas a que nos apoien de volta. Creo que hai unha receptividade enorme na sociedade e, insisto, percíbese a necesidade de que Galiza deixe de estar ausente nos debates do Estado cando estamos diante de debates fundamentais para o futuro. E tamén é unha cuestión de facernos valer como pobo... por iso apelo a todas esas persoas que lle queren o país.

Carme da Silva 10N Estatais BNG Pontevedra (2)Hai algunha outra razón concreta para votar polo BNG máis alá desa identificación co país?

Agora mesmo a fundamental é esa. Como sociedade, necesitamos ter esa voz que nos represente porque as forzas políticas estatais, absolutamente todas, pasan bastante dos problemas de Galiza... diría que non somos periferia xeográfica, somos periferia política e económica para eles. E o BNG é un proxecto sólido, unido, ao que se está a sumar moita xente. E neste sentido agradezo o exercicio de responsabilidade de Compromiso por Galicia. Un exemplo de que hai que tomar decisións mirando cara o futuro.

Mais a campaña está sendo dominada por outros temas...

A campaña está perfectamente deseñada para que só se fale de Madrid e para agochar asuntos que están no día das galegas e dos galegos.

No que afecta á circunscrición de Pontevedra, estase falando de Ence e da AP-9 pero as posturas non variaron moito?

Porque son dous temas que son estruturais. Non pode ser que teñamos secuestrada a vía de comunicación máis importante de Galiza. E digo que está secuestrada porque non se transfire a xestión a Galiza e porque ten unhas peaxes que son unha estafa. Por riba, pertence a un fondo que non vai mirar polas necesidades do país senón polos seus beneficios. A respecto de Ence, o debate é moi amplo. Ten que ver coa necesidade de sanear as rías, co problema ambiental máis grave, o dos incendios, que están provocados por unha política forestal dirixida polos intereses de Ence.

No caso de Vigo e o futuro da antiga Citroën e dos estaleiros, cal é o grao de preocupación do BNG?

Vigo sempre foi o motor industrial de Galiza e neste momento temos o motor en moi mal estado. Xa se sabe o que pasa cando o motor non funciona... Enfrontamos unha crise industrial moi fonda e temos que ter capacidade como país para tomar decisións en cada un dos sectores afectados, neste caso no naval e na automoción.

A transición ecolóxica é unha demanda histórica á que chegan tarde as forzas políticas estatais, empurradas pola presión social.

Tomar decisións tendo en conta o proceso de transición ecolóxica? Como se combina isto co mantemento do emprego industrial?

O que lle está a afectar ás empresas non é o proceso de transición ecolóxica; é a forma de afrontar a transición ecolóxica. É obvio, e a sociedade así o reclama, que non podemos seguir tomando decisións que danen o planeta. Para o BNG a defensa do medio sempre foi unha prioridade. Desde mediados do século XX, o nacionalismo na Galiza está moi vinculado a loitas históricas en defensa do medio: as Encrobas, Xove, Portomarín... O noso medio é o que nos garante un futuro como pobo. Pódense facer as cousas doutra forma. O que non pode ser é que durante décadas se estean a espoliar os nosos recursos e a contaminar o medio; e agora, sen presentar alternativa, sen procurar postos de traballo compatíbeis co medio, se lle bote a chave ao futuro. Aqueles beneficios que extraeron do país teñen que repercutir en que nesa transición non se perda emprego. A transición ecolóxica é unha demanda histórica á que chegan tarde as forzas políticas estatais, empurradas pola presión social.

O BNG, chegado o caso, apoiaría un goberno de esquerdas con Pedro Sánchez?

O BNG ten demostrado capacidade para negociar, para ceder e para posibilitar gobernos de esquerda. Pero vai depender tamén do papel no que ese Goberno coloque Galiza.

Para que os problemas políticos teñan solucións políticas, téñense que presentar nesta clave, non nunha clave de represión e sentenzas xudiciais.

Axuda ou prexudica ao BNG que Catalunya estea acaparando tanto espazo nesta campaña?

Non se trata de se axuda ou non ao BNG, senón do que están facendo as forzas políticas españolas en Catalunya e co asunto catalán. Utilízano de dúas formas. Para agochar outros temas, que non se fale deles. Por exemplo, no que atinxe a Galiza, que non se fale dun ferrocarril obsoleto, cando unha das esixencias da transición ecolóxica e ir cara medios de transporte que consuman menos recursos... E utilízano para xustificar a involución nos dereitos e liberdades democráticas. Catalunya é a coartada para moitas cousas que non teñen nada que ver con Catalunya. Poderían ter derogado a lei mordaza, e segue aí.

Cre o BNG que hai que falar de Catalunya nesta campaña, mesmo por estas cuestións que apunta?

Penso que do que hai que falar é de que unha das bases da democracia é a capacidade para chegar a acordos e para o diálogo. E dicir que os problemas políticos, e así se nos ten dito durante anos, teñen que ter solucións políticas. E para que teñan solucións políticas, téñense que presentar nesta clave, non nunha clave de represión e sentenzas xudiciais. Hai unha falta de confianza absoluta nunha sociedade que exprese libremente a súa opinión, e a resposta é a represión e uso do aparato xudicial do Estado como instrumento de represión. E, ollo, estamos vendo como determinadas sentenzas acaban sendo anuladas ao cabo duns anos.