PSOE E PP ANUNCIAN MODIFICACIÓNS EN COMISIÓN

O Congreso admite a trámite a transferencia da AP-9 coa oposición de Ciudadanos

O Congreso admite a trámite a transferencia da AP-9 coa oposición de Ciudadanos
O Congreso dos Deputados. Foto: cedida.
O Congreso dos Deputados. Foto: cedida.  

Á terceira foi a vencida. O Congreso dos Deputados admite a trámite a proposición de lei do Parlamento galego para transferir a AP-9 co voto en contra de Ciudadanos. PP e PSOE anunciaron, con todo, modificacións do texto no referido ás disposicións sobre a titularidade da infraestrutura.
 

A delegación do Hórreo que interveu no debate desta terza feira en Madrid conformárona PP, En Marea e PSdeG. Desde a tribuna de convidados, a portavoz nacional do BNG Ana Pontón e mais o deputado Luís Bará seguiron a discusión. Unha horas antes reuníranse con grupos nacionalistas vascos e cataláns e mais con Compromís, que recoñeceron o labor do Bloque na iniciativa.

O deputado popular Martín Fernández Prado abriu a sesión. Encargouse de subliñar que, para o seu grupo, a solicitude das competencias sobre esta infraestrutura principal “non é por ningún sentimento identitario. Nós exercemos as competencias con lealdade a un proxecto común que é España”. Nos 9 anos de gobernos de Feixóo, a Xunta non pediu ningunha competencia, unha deixación inaudita na historia da Autonomía.

Foi Antón Sánchez, viceportavoz de En Marea no Hórreo, quen lembrou os sucesivos bloqueos ao debate desta proposta unánime do Parlamento galego ocorridos na Mesa do Congreso durante o mandato de “eme punto Rajoy”. “Resultou un auténtico desprezo á Cámara e á cidadanía galegas”, sinalou.

A súa intervención arredor do “capitalismo voraz e de amiguetes” do que a Autoestrada do Atlántico é símbolo máximo incluíu a esixencia do seu grupo de “reverter, rescatar e xestionar desde o público a vía”. Polo grupo parlamentario galego do PSdeG falou Luis Manuel Álvarez, que tamén mencionou os bloqueos no Congreso —"filibusterismo parlamentario”— e recordou a apatía transferencial de Núñez Feixóo: “O Goberno de Emilio Pérez Touriño solicitou 49 transferencias, entre elas a da AP-9. Queremos que isto axude a reforzar o autogoberno galego, tan estancado”.

Os grupos estatais

Só unha das formacións grandes do Congreso dos Deputados anunciou a súa oposición á iniciativa unánime do Parlamento Galego: Ciudadanos. Ademais do radical centralismo madrileño, o seu representante, Fernando Navarro, afirmou non estar disposto “a facer a campaña electoral de Feixóo por 500 millóns de euros”.

Aos deputados Guillermo Meijón, do PSdeG, e Celso Delgado, do PP, pero no Parlamento español, correspondeulles enfriar expectativas e aseguraron querer modificar o texto lexislativo en comisión. Para Antón Gómez-Reino, de En Marea, é fundamental "garantir o carácter público desta infraestrutura estratéxica".



x