BEATRIZ PINO, CANDIDATA NÚMERO 1 DE CIUDADANOS POR PONTEVEDRA

"Conseguir a igualdade real para todos os españois sería un bo comezo"

"Conseguir a igualdade real para todos os españois sería un bo comezo"
Beatriz Pino no plató de TVG [Imaxe: @CsGalicia]
Beatriz Pino no plató de TVG [Imaxe: @CsGalicia]  

A xornalista Beatriz Pino naceu en Vigo en 1975 e encabeza a candidatura de Ciudadanos ao Congreso por Pontevedra. É licenciada en Xornalismo pola Universidade Carlos III de Madrid, e voltou a Galiza após traballar en Telemadrid e Antena 3. Coñece ben a organización e ideoloxía de Ciudadanos, xa que foi a responsábel de comunicación do partido na Galiza. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.


Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

O pobo galego xógase nas próximas eleccións avanzar cara a adiante, loitar contra un modelo de goberno que relegou ás necesidades "doutros" o futuro da nosa terra. Xógase ter unha Galiza forte e igual ao resto de territorios, dentro dunha España tamén forte en Europa.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Non houbo lexislatura, só houbo nove meses de desesperación, de desgobernanza polo interese persoal do señor Sánchez, de ruptura da unidade e de desagravios para Galiza.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

O emprego, o despoboamento, a falta de oportunidades no rural, a falta dun futuro para o noso sector pesqueiro, deostado durante anos, a falta dun futuro industrial para Galiza... son moitas as frontes que se deben abordar con unidade e perseveranza.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

En Ciudadanos somos un equipo, todos e cada un dos nosos deputados realizaron un labor encomiábel, duro en moitas ocasións, e sempre con orgullo. Nós somos de equipo, iso é o que nos dá a forza e o que nos diferencia dos outros partidos.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Hai moitas frontes, como dicía, empezar por conseguir a igualdade real de oportunidades para todos os españois sería un bo comezo.

Como ve as opcións de Ciudadanos na cita electoral?

Sei que imos dar a nota e deixarnos a pel nesta campaña. Estamos aquí para quedar. O resultado final depende dos galegos, pero sabemos que nos levan na súa conciencia, sabémolo porque nós somos como eles.