O conselleiro de educación afirma que a sentenza do Supremo non terá repercusións

O conselleiro de educación afirma que a sentenza do Supremo non terá repercusións
Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura e Educación da Xunta
Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura e Educación da Xunta  Xoán Crespo

Afirma que o fallo se refire a un períoso "que xa non está vixente" e que coa aplicación da LOMCE o ensino que segrega por sexos é "lexítimo, válido e non discriminatorio". 


Jesús Vázquez fixo estas declaracións ás portas do Pazo de Fonseca (Compostela) e foron recollidas polo xornal La Voz de Galicia. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria asegurou que a sentenza do Tribunal Supremo que considera contrarios a dereito os concertos públicos con centros que segregan por sexos, non terá repercusións na práctica. 

Vázquez fixo esta afirmación após sinalar que o fallo do máximo tribunal se refire a un período (2009-2013) "que xa non está vixente". Aliás, asegurou que a doutrina contida na propia sentenza salienta que "o ensino diferenciado [por sexos] é perfectamente lexítimo, válido. É unha opción máis que non é discriminatoria". 

Porén, a sentenza do Supremo ampárase no artigo 84.3 da Lei educativa para, precisamente, subliñar "o sexo entre as causas polas que non se poderá discriminar" o alumnado e polo cal "non poden comprometerse fondos públicos, pola vía dos concertos educativos" para subvencionar estes centros. 

Así as cousas, desde a Xunta de Galiza apelan á aprobación da LOMCE para lexitimar a súa actuación. "Agora hai unha nova lei, que é a Lomce", sinalou Vázquez, un instrumento normativo que rexolle a educación segregacionista como "lexítima, válida e non discriminatoria".