O conselleiro de Educación non se presenta ao acto de conciliación perante a denuncia do BNG


O conselleiro de Educación non se presenta ao acto de conciliación perante a denuncia do BNG

Jesús Vázquez afirmou nunha entrevista que "quen se opón ao decreto do galego non é demócrata e apoia grupos terroristas". Esta quinta feira desbotou rectificar polo que a formación frontista interporá unha querela no Tribunal Superior de Xustiza.


O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, non compareceu no acto de conciliación que estaba fixado para o mediodía desta quinta feira no xulgado de primeira instancia nº4 de Compostela. No seu lugar enviou unha gravación coa entrevista que concedeu a un diario español en que afirmaba que "quen se opón ao decreto do galego non é demócrata e apoia grupos terroristas". 

Vázquez foi máis aló e sinalou que o Bloque "e as súas ramificacións, que no fondo son todos o mesmo grupo" son os que se acusan a si propios de non ser demócratas "cando apoian a grupos terroristas, e remítome ás probas". En resumidas contas, quen non está a favor do varrido do galego que o PPdG está a practicar nas aulas "non é demócrata" e apoia "o terrorismo"

A formación frontista denunciou o conselleiro e exixiu a retirada destas declaracións. Con tal obxectivo, as partes foron citadas para un acto de conciliación --achegar posturas na procura dunha solución sen necesidade de xuízo--. Presentáronse a deputada Ana Pontón e o secretario de organización, Bieito Lobeira. Jesús Vázquez non. 

No escrito que entregaron o seu avogado e a súa procuradora, o titular de Educación matiza que "en ningún momento acusou ao Bloque de colaboración con banda armada", pero mantén que esta formación apoia "grupos terroristas".

Declaracións que fan parte "da crítica política propia do debate"

Na versión publicada da entrevista, o xornalista pregunta: "Está a acusar ao BNG e as plataformas educativas de non ser demócratas?" E o conselleiro responde: "Acúsanse eles propios. Descóbrense día a día e remítome ás probas cando apoian grupos terroristas". No escrito enviado aos xulgados e asinado polo avogado Miguel Diéguez, Vázquez di que nestes palabras "non existe animus injuriandi senón que se encadran dentro da crítica política propia do debate". 

Con todo, Bieito Lobeira adiantou que a fronte seguirá adiante coa querela, que terá que resolver agora o Tribunal Superior de Xustiza. Entenden que o posicionamento de Vázquez é "democraticamente inaceptábel" ao "criminalizar" as organizacións en defensa da lingua, sexan estas políticas, sociais ou sindicais.