A HIPÓTESE DE O VILLARISMO IR AO GRUPO MIXTO, A MÁIS PROBÁBEL

O Consello das Mareas resolve esta quinta feira o conflito do grupo parlamentar

O Consello das Mareas resolve esta quinta feira o conflito do grupo parlamentar
Foto dun plenario de En Marea
Foto dun plenario de En Marea  

Todas as opcións están sobre a mesa —entre elas rexistrar ou non a proposta de Mariló Candedo como senadora— mais a hipótese que aparece como máis probábel é que o Consello das Mareas resolva esta quinta feira ir ao grupo mixto e rachar definitivamente co triángulo Podemos-Esquerda Unida-Anova.


A terza feira 18 de xuño, a maioría do grupo parlamentar de En Marea (formada por grupos políticos que xa non recoñecen a autoridade dos órganos de dirección do partido liderado por Luís Villares) rexistrou a proposta de José Manuel Sande como o seu candidato para o Senado. O grupo villarista non participou na votación, saldada con 8 votos a favor do ex edil de Marea Atlántica, 1 a prol de Mariló Candedo (o de Flora Miranda, integrante de Compostela Aberta) e 1 abstención (a de Eva Solla, partidaria da opción da ex senadora Vanessa Angustia).

A resposta da dirección de En Marea ao que, a ollos do grupo villarista, constitúe un acto de rebelión foi amezar coa expulsión aos 8 partidarios da candidatura, convidados pola Coordenadora (executiva) mareante a abandonar o grupo parlamentar.

Como cabía agardar, tal eventualidade non se ten producido nen se vai producir. Podemos, Esquerda Unida e Anova están a efectos prácticos totalmente fóra da disciplina de En Marea, a pesar de que concorreron con esa marca, formalmente un partido instrumental, nas eleccións galegas de 2016.

IMG-20190620-WA0001

Formuladas así as cousas, o villarismo ten perante si dúas decisións que adoptar. A primeira, se rexistran ou non a candidatura de Mariló Candedo, a máis votada entre as e os seus inscritos, perante a Mesa do Parlamento. Iso criaría unha situación sen precedentes, a dun mesmo grupo parlamentar propor dúas persoas distintas. A segunda decisión ten a ver coa ruptura ou non do grupo. Como EU, Podemos e Anova se negan a abandonalo, a opción sería que fose o grupo villarista o que migrase ao único destino posíbel, o grupo mixto.

Que opinan as bases de En Marea partido após a celebración de varias asembleas por todo o país? Segundo as fontes consultadas por Sermos, maioritariamente son partidarias tanto de rexistrar a candidatura de Candedo como de abandonar o grupo parlamentar (aínda que de o facer, En Marea ficaría sen dereito a designar senador, posto que perdería a súa condición de segunda forza con máis presenza na Cámara, o que obviamente beneficiaría a un PSdeG que de rebote se vería cun escano máis na cámara alta).

"Hai divisións de opinións na dirección [sobre o que facer]. Por un lado, pesa a responsabilidade de non lle entregar un senador ao PSdeG, mais polo outro non se pode tolerar que un grupo de 8 persoas se salten a disciplina e os estatutos do partido, facendo caso omiso do que pensan as inscritas e os inscritos", afirman as fontes consultadas por Sermos.

Os acordos da dirección serán trasladados á opinión pública por Luís Villares. O portavoz, que gardou silencio os últimos días, convocou os medios esta tarde por volta das 17 horas no local da Marea.

Nota: Acompañamos copia da acta rexistrada no Parlamento en que se comunica aos órganos de goberno da cámara a elección de José Manuel Sande polo "grupo parlamentar de En Marea"