O CONCLAVE DA FORMACIÓN NACIONALISTA SERÁ NA CORUÑA

O Consello Nacional do BNG aproba o relatorio da Asemblea e aposta na refundación da fronte

O Consello Nacional do BNG aproba o relatorio da Asemblea e aposta na refundación da fronte

O Consello Nacional do Bloque aprobou o relatorio para a XV asemblea nacional, que pasará agora ao debate nas asembleas comarcais, a realizar entre o 3 e o 15 de febreiro.


O relatorio ten a luz verde do Consello Nacional, co 76,4% dos votos a favor, após a reunión que tivo lugar na mañá do sábado en Compostela. O máximo órgao do Bloque entre asembleas aprobou asemade o informe de xestión da Executiva co 95% dos votos a favor.

Segundo puido saber Sermos Galiza, arredor de 120 emendas ao rascuño de relatorio foron submetidas a debate por parte do Consello Nacional. Víronse tamén os dous votos particulares formulados ás teses, un que ía asinado por Alba Nogueira e outro redixido conxuntamente por Tereixa Paz e Carme Adán. Foron rexeitados. Tampouco tiveron apoio textos en forma de emenda da autoría do portavoz nacional Xavier Vence e dos membros da Executiva Nacional Adrián Dios e Ana Miranda. Estes textos -por vontade dos seus autores, e de acordo coas faculdades que conceden os estatutos da organización aos membros do Consello Nacional- pasan tamén ás asembleas comarcais en forma de voto particular.

Froito das emendas, o relatorio incorpora a palabra "refundación" para denotar o proceso de reactualización do BNG

O relatorio que se debaterá nas comarcas incorpora, aliás, parte das 117 emendas formuladas por membros do Consello Nacional ao texto orixinal, algunha das cales foron incorporadas e outras, transaccionadas. A mudanza máis significativa a respeito do rascuño ten a ver coa terminoloxía. E é que se asume a palabra “refundación” para denotar o proceso de reactualización do BNG que emprende a fronte na súa XV Asemblea Nacional. O termo non aparecía no relatorio orixinal.

O debate das teses terá agora como cenario as comarcas. De acordo co calendario previsto, as asembleas terán lugar entre os días 3 e 15 de febreiro. O Consello Nacional ditaminará as modificacións que se introduzan nos distintos territorios do país na súa reunión do 20 de febreiro, en que dará o visto bon definitivo ao relatorio que irá ao debate na Asemblea Nacional do 28 de febreiro.

Pola outra banda, o Consello Nacional aprobou o lugar que acollerá a 15ª Asemblea Nacional do BNG do 28 de febreiro. Será  na Coruña, no Palexco.

[Esta información foi actualizada por volta das 20:47h co resultado das votacións do relatorio e do informe de xestión da Executiva]